A apertura da residencia de Becerreá, máis preto tras a formación da Comisión de Estudo

LugoXa
O presidente da Deputación de Lugo constituíu a Comisión de Estudo do Centro de Atención a Maiores de Becerreá, marcando un novo avance no proceso
Constitución-da-Comisión-de-Estudo-do-CAM-de-Becerreá
5 Out 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, constituíu a Comisión de Estudo do Centro de Atención a Maiores de Becerreá, marcando un novo avance no proceso de apertura desta residencia. A reunión tivo lugar na Sala de Xuntas da Deputación de Lugo e contou coa presenza de representantes do ámbito institucional e técnico da Deputación, incluíndo deputados e responsables de servizos clave. José Tomé destacou que a creación desta comisión "é un paso máis, igual que fixemos co resto de centros de atención a maiores, para avanzar no procedemento necesario para a apertura da residencia".

Esta comisión encargarase de realizar o estudo de viabilidade, a memoria de réxime xurídico e outros trámites necesarios para a posta en marcha do centro. A Comisión de Estudo está integrada por diversas autoridades da Deputación de Lugo, entre as que se inclúen o deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón; a deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto; así como o secretario xeral da Deputación, a interventora, e outras xefas de servizos e seccións vinculadas aos ámbitos de Contratación, Recursos Humanos, e Benestar Social.

José Tomé subliñou o compromiso firme da Deputación coa posta en funcionamento do centro residencial "o antes posible", aínda que reiterou que se deben cumprir todos os pasos necesarios. Actualmente, a Deputación está á espera da autorización para o enganche á rede de subministración eléctrica, imprescindible para finalizar a construción e instalación do Centro de Transformación, que fornecerá de enerxía ao edificio.

As obras do centro foron entregadas a finais de 2021. Non obstante, o proxecto inicial, presentado polo Concello de Becerreá, non incluía un Centro de Transformación, un elemento clave para o funcionamento da residencia. Isto obrigou á Deputación a elaborar un novo proxecto e licitar a súa execución, cun custo superior aos 100.000 euros. A crise de subministracións derivada da guerra en Ucraína tamén atrasou os traballos, dificultando a obtención dos materiais necesarios.

José Tomé puxo de manifesto a determinación da Deputación de Lugo de cumprir co seu compromiso de poñer en marcha o centro de Becerreá, así como outros proxectos residenciais na provincia. Ata o momento, a Deputación abriu seis centros no pasado mandato, e conta con nove centros actualmente operativos, un máis construído pendente de equipar, tres en construción e seis en fase de tramitación. Cando todos os proxectos se completen, Lugo contará cunha rede de 18 centros de maiores.

O presidente destacou o compromiso da Deputación, aínda que non teña competencias directas nesta área, en contraste coa "sorprendente pasividade da Xunta de Galicia nas últimas décadas", asegurando que a administración autonómica non creou ningunha nova praza pública para maiores nos últimos 20 anos na provincia de Lugo. "Antepoñemos os intereses das persoas maiores da provincia, e seguimos traballando para garantir unha rede de atención que poida responder ás súas necesidades", concluíu José Tomé Roca.

0.18962216377258