A área de Benestar Social de Lugo organiza unha viaxe cultural a Allariz para as persoas maiores

LugoXa
Estas iniciativas “contribúen ao ocio saudable e favorecen a socialización, evitando situacións de illamento entre os nosos maiores”, din desde o Concello de Lugo
excursións-de-maiores-Lugo
14 Apr 2025

A área de Benestar Social e Maiores do Concello de Lugo continúa a apostar por promover o lecer activo e a socialización das persoas maiores, e xa está a preparar unha nova viaxe cultural que terá como destino a fermosa vila de Allariz, na provincia de Ourense.

A excursión celebrarase o vindeiro 30 de abril, e ofrece un total de 50 prazas para maiores que desexen participar nesta xornada de convivencia e cultura. As persoas interesadas poderán inscribirse entre o 21 e o 23 de abril, de forma presencial no Centro de Convivencia da Milagrosa, en horario de 09.00 a 13.00 horas, cun custo simbólico de 4,12 euros.

A concelleira de Cohesión Social, Olga López Racamonde, destacou a excelente acollida que teñen este tipo de iniciativas: “Contribúen ao ocio saudable e favorecen a socialización, evitando situacións de illamento entre os nosos maiores”.

A saída está prevista para as 09.00 horas desde a Praza de Bretaña, e durante a xornada realizaranse diversas actividades culturais, como visitas aos Museos do Coiro e do Xoguete, unha andaina pola beira do río Arnoia e un percorrido polo centro histórico de Allariz, declarado Conxunto Histórico Artístico e distinguido co Premio Europeo de Urbanismo pola súa exemplar rehabilitación urbana.

O regreso a Lugo será ás 20.00 horas, de novo na Praza de Bretaña. Esta viaxe constitúe unha nova oportunidade para descubrir un dos enclaves máis emblemáticos de Galicia, gozando da cultura, da natureza e da compañía.

⚙ Configurar cookies
0.17431306838989