A área de Promoción da Lingua de Lugo apoia as reclamacións para que a Policía Nacional rotule as súas instalacións en galego

A concelleira de Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, trasladou apoio da área de Promoción da Lingua ás reclamacións da veciñanza para que a Policía Nacional rotule as súas instalacións da avenida Ramón Ferreiro en galego e empregue a lingua galega en toda a súa sinalización externa e interna. Ferreiro subliñou que “non é aceptábel que, a día de hoxe, un servizo público que atende diariamente milleiros de persoas continúe a operar sen incorporar con normalidade o galego na súa imaxe e na súa comunicación”.
“Animamos a toda a veciñanza a loitar polos seus dereitos lingüísticos dirixíndose ás distintas administracións responsables”, sinalou Maite Ferreiro, quen insistiu en que “cando as veciñas e veciños reclaman o uso do galego só están pedindo que se cumpra coa lexislación vixente e se respecte a dignidade da nosa lingua”.
A edil de Promoción da Lingua lembra que a lexislación estatal garante que tanto o material impreso como a cartelería da Administración do Estado deben estar dispoñíbeis nas linguas cooficiais alí onde existan. Concretamente, o artigo 6º do RD 1465/1999 do 17 de setembro afirma que a cartelería exterior das dependencias administrativas "será bilingüe, redactándose en castelán e na lingua cooficial da comunidade autónoma correspondente".
Desde a Tenencia de Alcaldía considérase que o cumprimento efectivo destes dereitos “é unha condición básica para avanzar na normalización da lingua e para que a veciñanza poida relacionarse coa administración na lingua que escolla, sen trabas nin discriminacións”. Ferreiro lembrou que “o galego é lingua oficial en Galicia e a Administración do Estado ten a obriga legal de o recoñecer e de o utilizar, tamén en corpos como a Policía Nacional”.