A área de Xuventude do Concello de Lugo presenta a súa programación ata finais de ano

LugoXa
O Concello mantén actividades xa consolidadas como ioga, zumba e sendeirismo, e incorpora propostas como esgrima e talleres de comunicación
Programación-Xuventude-Lugo
30 Sep 2025

A Concellería de Xuventude de Lugo, dirixida por Jorge Bustos, vén de presentar a programación de actividades para o último trimestre do ano, que se desenvolverán entre o 13 de outubro e o 15 de decembro.

O edil destacou como principal novidade a posta en marcha dun obradoiro de arte urbano, 'Pinta con nós', unha iniciativa interxeracional que estará aberta a persoas de todas as idades, e que se celebrará o 15 de novembro.

Segundo explicou Bustos, a oferta mantén aquelas propostas que cada ano esgotan prazas como zumba, ioga e sendeirismo, ao tempo que incorpora novidades atendendo ás peticións da mocidade. “Tratamos de ofrecer actividades en ámbitos moi diversos, sempre cunha aposta polo lecer activo e saudable, e ao seren gratuítas son accesibles para toda a xuventude”, indicou o concelleiro.

A programación abrangue preto dunha decena de actividades que inclúen deportes, talleres artísticos e formación en comunicación. Así, a Casa da Xuventude acollerá semanalmente sesións de zumba (luns), ioga (mércores), hip hop (mércores), esgrima (martes) e expresión corporal e core (xoves). Tamén haberá un taller de graffiti e se celebrarán as Xornadas de Deporte Antigo, previstas entre o 10 e o 23 de novembro, cun programa que inclúe charlas sobre gladiatura, xogos panhelénicos, adestramentos conxuntos e xornadas de portas abertas para probar distintas disciplinas.

As rutas de sendeirismo, sempre cunha alta demanda, tamén regresan con varias propostas. O 25 de outubro celebrarase a ruta “Ioga en Ruta”, cun percorrido polo entorno natural de Lugo combinado con obradoiros de ioga. O 8 de novembro terá lugar a “Ruta Miñocídica” arredor da Reserva da Biosfera Terras do Miño, mentres que o 15 de novembro está prevista a terceira etapa do Camiño Cantábrico, entre Foz e Burela. O 29 de novembro será a quenda da “Ruta do Río Pequeno”, con 15 quilómetros pola Serra do Courel, e o 13 de decembro pecharase o ciclo coa ruta “Belén do Cumiño”, un percorrido de 15 quilómetros polos Ancares Lucenses.

Outro dos piares da programación é o ciclo Lugo Comunica, con catro talleres centrados en mellorar a expresión oral e a oratoria. O 15 de outubro terá lugar unha sesión sobre como superar con éxito unha entrevista de traballo; o 5 de novembro abordarase a defensa de traballos académicos de forma efectiva; o 19 de novembro trataranse as claves da comunicación asertiva para xestionar conflitos; e o 3 de decembro organizaranse ensaios prácticos de entrevistas e exposicións de proxectos.

⚙ Configurar cookies
0.084894895553589