A artesanía galega reúne 16 profesionais na rúa da Raíña de Lugo esta fin de semana

GaliciaXa | LugoXa
A Feira Galega de Artesáns celebrarase os días 12 e 13 de setembro e permitirá coñecer de preto diferentes oficios, técnicas e creacións feitas en Galicia
presentación-Feira-Artesáns-Lugo
12 Sep 2026

A rúa da Raíña de Lugo acolle os días 12 e 13 de setembro a Feira Galega de Artesáns, unha iniciativa que reunirá 16 profesionais de diferentes sectores para achegar á cidadanía o traballo artesanal e ofrecer a posibilidade de adquirir directamente as súas creacións.

Lugo forma parte este ano das 12 localidades galegas incluídas no Circuíto de Feira Galega de Artesáns, promovido pola Asociación Galega de Artesáns coa colaboración e financiamento da Xunta de Galicia, a través da Fundación Pública Artesanía de Galicia.

A feira permitirá coñecer de preto a diversidade de oficios, materiais e técnicas que forman parte da artesanía galega. Entre as propostas que se poderán atopar haberá traballos de cerámica, marroquinaría, xoguetería, bisutería, complementos de moda, carpintaría, elaboración de bonecos e xoiaría.

Durante as dúas xornadas, os profesionais amosarán as súas creacións e achegarán ao público unha mostra da variedade da produción artesanal galega, ao tempo que poderán vender directamente as pezas elaboradas nos seus diferentes obradoiros.

Desde o Concello sinalan que a celebración da feira responde tamén a varios dos obxectivos marcados na acción de goberno, como o apoio aos sectores produtivos, a dinamización da cidade e a posta en valor daqueles elementos que contribúen a diferenciar Galicia e a súa identidade.

0.096767902374268