A artista Camino Casabella exhibe unha colección de retratos na exposición 'Heroínas de tódolos días'
A concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Maite Ferreiro, presenta unha nova exposición que se instalará no espazo das antigas celas femininas do Vello Cárcere.
Baixo o título 'Heroínas de tódolos días', a artista Camino Casabella exhibirá ata o 30 de novembro unha colección de retratos acompañados de textos propios, nos que rende homenaxe a mulleres fundamentais no seu pasado e igualmente importantes no seu presente e futuro.
Maite Ferreiro destacou a sinxeleza na homenaxe que Camino Casabella “fai a todas esas mulleres ordinarias que fan cousas extraordinarias cada día, poñéndoas nun primeiro plano que axuda colocalas no lugar que merecen”.
A concelleira de Cultura fixo fincapé nas características propias dunha obra que “é diversa e infinita, con rostros de mulleres que amosaron a súa forza e resistencia fronte a actitudes represoras, algo que chegou para quedar”.
Entre as retratadas podemos atopar a referentes como Sinéad O'Connor, Carola Rackete, Rosa Parks, Ciara Lawrence, YSÉE, Charlotte Courbe, Jessica Greenfield, Fernanda Arrojo ou Vero Boquete, xunto a moitas outras.
O propósito da artista, explicou Ferreiro, “é poñer no foco de atención as historias da vida e da carreira destas mulleres; todas elas traballan para contribuír á sociedade, e fano fronte a grandes desafíos co propósito de superalos. Son mulleres abrindo camiño para que máis mulleres se adiquen a profesións tradicionalmente dominadas polos homes”.
Mulleres pioneiras, insistiu a concelleira, “que rachan estereotipos de xénero, e adoptan roles de liderado alzando a voz polos seus dereitos, algo que a propia Camino Casabella consegue ao elaborar esta obra que lles rende tributo e que permite que a historia de todas elas chegue ata nós”.