A Asesoría Xurídica do Concello de Lugo atenderá aos afectados pola posible implantación da planta de biometano

A Asesoría Xurídica do Concello de Lugo está a disposición dos afectados pola posible implantación da planta de biometano proxectada na parroquia luguesa de Coeses para resolver calquera dúbida legal que poida xurdir neste proceso de mobilización cidadá.
Segundo explicou o rexedor, Miguel Fernández, o obxectivo é brindar apoio institucional á Plataforma Lugo non quere Cheiros, para, en caso de necesidade, poder asesorar á veciñanza a través do seu equipo xurídico de cara a manter a loita contra a construción desta planta de biogas e salvagardar a súa contorna residencial.
“A pesar de que xa quedou constatado que este proxecto é totalmente inviable, e a pesar do interese inicial amosado polo Goberno autonómico coa súa declaración de proxecto prioritario, imos continuar vixiantes ante calquera futura manobra que poida poñer en risco o noso patrimonio natural”, explicou o alcalde Miguel Fernández tras o encontro mantido cos integrantes da Plataforma veciñal.
O rexedor municipal sinalou que “os veciños e veciñas desta plataforma trasladáronme a súa preocupación unha vez que a empresa Bioenergía Lugo recorreu, o pasado mes de marzo, a denegación desa autorización ambiental por parte da Xunta de Galicia”.
Tampouco entenden, comentou Fernández, que o Grupo Municipal do Partido Popular votase en contra dunha proposición para que a Corporación Municipal inste á Xunta a que retire a declaración de iniciativa empresarial prioritaria ao proxecto da planta de biometanización en Coeses”.
Por estes motivos, o alcalde ofreceu colaboración e disposición por parte da Asesoría Xurídica do Concello de Lugo co gabinete xurídico que podería contratar o colectivo veciñal, que confirmou que levará á Fiscalía o proxecto da planta.
Así, este departamento municipal estará en contacto co despacho de avogados da plataforma para resolver dúbidas e facilitar información en cuestións relativas ao proxecto de instalación desta planta de biometano. Esta colaboración institucional responde ao acordo plenario ratificado por todos os grupos en xullo pasado, co que o Concello de Lugo deixou patente o rexeitamento social que espertou este proxecto.
A EVOLUCIÓN DA SITUACIÓN
Miguel Fernández explicou que desta forma, “desde o Concello de Lugo, o que estamos a facer é manter a nosa postura inicial, respaldada por todos os grupos políticos, e que foi ratificada por acordo plenario, no que instabamos á Xunta á paralización da planta “ben por rexeitamento social, ben elevando as esixencias medioambientais a este tipo de industrias e atendendo ao principio comunitario de cautela ou precaución para evitar que se produza, ante unha ameaza real, a deterioración do medio”.
O alcalde lembrou que as distintas administracións que deben emitir informes sobre a viabilidade deste proxecto están a darnos a razón: “primeiro foi o informe preceptivo e vinculante da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, que declaraba inadmisible o verquido e non autorizou a construción da planta; e despois a propia Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade da Xunta de Galicia denegou, o pasado mes de febreiro, a autorización ambiental ao proxecto.
Pese a iso, debemos seguir loitando contra un proxecto cun grave impacto ambiental, prexudicial para a atmosfera, para as persoas e para as vivendas non só de parroquias rurais próximas á localización da planta como Coeses, Cuíña, Piugos, Soñar ou Santa Comba, entre outras, senón a gran parte do municipio de Lugo e á propia cidade”.
Por último, Miguel Fernández sinalou que “en función de como se vaian sucedendo os acontecementos e se fose necesario, e tendo en conta ese acordo plenario de todas as forzas políticas, o Concello de Lugo valorará a posibilidade de persoarse como parte afectada deste proxecto”.