A Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde percorreu a ruta de Paco Pestana e denuncia pintadas na súa casa natal

LugoXa
O colectivo organizou unha andaina que pasou pola Frairía, o Pazo de Folgueira, Marrondo e Cubelas, e que rematou cunha actuación musical das Cegas de Ouselle
Amigos-do-Patrimonio-de-Castroverde-ruta
19 Oct 2026

A memoria do artista Paco Pestana centrou a xornada organizada este domingo, 18 de outubro, pola Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde, cun roteiro que percorreu distintos lugares vinculados á súa vida e rematou cunha actuación musical das Cegas de Ouselle.

A actividade comezou no alto da Vacariza, xunto ao panel informativo do roteiro dedicado ao artista. Alí, os participantes atopáronse con pintadas sobre o rostro de Paco Pestana e a súa casa natal, unha actuación que a asociación cualificou de lamentable e que suscitou a súa condena.

Desde ese punto, o grupo iniciou a camiñada ata a vivenda natal do artista, onde os agardaba o seu irmán, Xabier, que lles amosou parte da obra que deixou Paco Pestana. Durante a visita, a socia Bea Pin compartiu lembranzas da súa mocidade xunto ao creador. Os asistentes tamén puideron escoitar unhas declaracións que o artista realizara en 2011, recollidas nun vídeo dispoñible no proxecto "Terras de Castroverde Paco Pestana".

O percorrido continuou pola Frairía, cunha parada na igrexa, e seguiu ata o Pazo de Folgueira. Desde alí, os participantes subiron a Marrondo e continuaron cara a Cubelas, nun traxecto no que puideron contemplar diferentes paisaxes, o muíño e o val da parroquia. O roteiro concluíu co regreso a Castroverde, pasando pola Veiga do Olmo e pola contorna do campo e dos pendellos da feira.

A programación continuou despois do xantar cun concerto das Cegas de Ouselle, que reuniron a Aldara Palmeiro ao violín, Miguel Lustres ao acordeón e Antón Castro á zanfona. O trío ofreceu un repertorio vinculado á tradición musical popular, con pezas das propias Cegas de Ouselle e doutras figuras como Florencio da Fontaneira e Modesta, a Cega de Noceda, ademais de composicións relacionadas coa Fonsagrada.

A asociación agradeceu a participación das persoas asistentes e a colaboración da Área de Cultura da Deputación de Lugo, que apoiou a actuación musical, así como a do Concello de Castroverde pola cesión do local.

0.14591813087463