A Asociación Antonio Gandoy acompaña arredor de 70 familias na crianza e educación dos seus fillos

A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy acompaña semanalmente arredor de 70 familias nos procesos de crianza e educación dos seus fillos e fillas. A entidade, de ámbito galego e con sede no Centro Público de Educación Permanente de Adultos (EPAPU) Albeiros, en Lugo, mantivo un encontro coa alcaldesa, Elena Candia, e o concelleiro de Educación e Cultura, Javier Vázquez, para presentar os programas que desenvolve e as súas principais liñas de traballo.
A presidenta da asociación, María Luisa Rey Otero, explicou o funcionamento dunha entidade sen ánimo de lucro que conta cun equipo de seis persoas e organiza encontros todas as tardes, ademais dos martes e mércores pola mañá. A súa actividade dá continuidade ao legado educativo de Preescolar na Casa e ofrece orientación e recursos ás familias para acompañar o desenvolvemento infantil, promover a igualdade de oportunidades e fortalecer o vínculo coa lingua e a cultura galegas.
Entre as principais iniciativas destacan os Espazos das Familias, nos que nais e pais comparten experiencias e reciben orientación sobre a primeira infancia. A programación inclúe tamén O son que me arrola, que achega a música e a tradición oral galega ás crianzas; a Festa Xogueteira, centrada no xogo e na aprendizaxe compartida; e charlas formativas sobre diferentes aspectos da crianza.
A reunión enmárcase na rolda de contactos que a alcaldesa mantén con entidades e colectivos da cidade para coñecer os seus proxectos, escoitar as súas necesidades e estudar posibles vías de colaboración.