A Asociación As Carballeiras denuncia a falta de mantemento en varias rúas e no aparcadoiro de Parga Cerezo

A Asociación Veciñal As Carballeiras expresou o seu malestar polo estado de mantemento de diferentes espazos situados nas rúas Rei Don García e Jacinto Calvo, así como no aparcadoiro de Parga Cerezo, onde asegura que a maleza e a vexetación medran sen control e ocupan zonas de uso público.
A entidade lamenta que esta situación se prolongue sen que a área de Medio Ambiente do Concello de Lugo execute os traballos de limpeza e conservación necesarios para manter estes espazos en condicións axeitadas.
Segundo explica a asociación, a vexetación invade parte das beirarrúas e esténdese sobre muros e valados, chegando nalgúns puntos a dificultar o paso das persoas e a reducir o espazo destinado ao tránsito peonil.
As Carballeiras considera que o estado destas zonas evidencia unha falta de mantemento periódico e de supervisión dos espazos públicos. A entidade subliña que non se trata só dunha cuestión estética, senón tamén de garantir condicións axeitadas de accesibilidade, limpeza e conservación para a veciñanza.
Ademais, denuncia que esta situación se repite en distintos puntos da contorna e reclama unha maior planificación por parte da área municipal responsable, co obxectivo de evitar que as actuacións de mantemento se leven a cabo unicamente cando a maleza xa invadiu as zonas de paso ou o abandono resulta evidente.
Por este motivo, a Asociación Veciñal As Carballeiras solicita á área de Medio Ambiente do Concello de Lugo que actúe coa maior brevidade nas rúas Rei Don García e Jacinto Calvo e no aparcadoiro de Parga Cerezo, executando os labores de limpeza, roza e mantemento necesarios, ademais de establecer un sistema de supervisión periódica que impida que situacións semellantes volvan producirse.