A Asociación As Carballeiras reclama máis limpeza e mantemento no rural de Lugo

LugoXa
A asociación veciñal alerta da acumulación de maleza en camiños e pide ao Concello actuacións periódicas de conservación
maleza-Cuíña-Lugo
29 May 2026

A Asociación Veciñal As Carballeiras amosou a súa preocupación pola escasa limpeza e mantemento que presentan distintos camiños e espazos do entorno rural do municipio de Lugo, unha situación que, segundo sinalan, afecta tanto á imaxe das parroquias como ao aproveitamento destes espazos.

Desde a entidade veciñal indican que a acumulación de maleza e a falta de actuacións periódicas de conservación son unha constante en diferentes puntos do rural lucense, o que dificulta o tránsito e limita as posibilidades de desenvolver iniciativas orientadas a poñer en valor o patrimonio natural e paisaxístico das parroquias.

Neste sentido, As Carballeiras destaca o caso dunha das rutas situadas na parroquia da Cuíña, actualmente en estudo para a posta en marcha dun roteiro promovido pola propia asociación. Segundo explican, o estado de conservación dalgúns tramos evidencia a necesidade de reforzar os labores de limpeza para garantir condicións axeitadas de uso e seguridade.

A asociación considera que o mantemento dos camiños e das rutas rurais debe formar parte das prioridades municipais, non só polo seu valor ambiental e patrimonial, senón tamén polo papel que poden desempeñar na promoción do ocio saudable e na dinamización das parroquias.

Por este motivo, As Carballeiras solicita ao Concello de Lugo que incremente os esforzos destinados á limpeza e conservación do entorno rural, garantindo un mantemento regular que permita preservar estes espazos e favorecer o seu desfrute por parte da veciñanza.

0.13187479972839