A Asociación Asemblearias Lucus Augusti celebra unha década de historia co vestiario do Arde Lucus

A Asociación Asemblearias Lucus Augusti inaugurou na Capela de Santa María unha exposición que recolle dez anos de historia a través do vestiario utilizado polos seus integrantes durante o Arde Lucus.
A mostra, titulada Unha década de Vestiario de Asamblearias, poderá visitarse ata o vindeiro 21 de maio e reúne arredor de 200 pezas de indumentaria empregadas nas recreacións históricas que a asociación levou a cabo ao longo da última década.
A entidade, pioneira ao ser a primeira asociación do Arde Lucus formada exclusivamente por mulleres, desenvolve unha destacada labor de divulgación histórica cun enfoque de xénero.
Segundo destacou o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, Asemblearias Lucus Augusti “aproveita a festa para realizar unha importante labor de pedagoxía a prol da igualdade, rescatando a memoria de importantes figuras femininas que a historia esqueceu”.
Arias lembrou, ademais, o compromiso da Xunta de Galicia co Arde Lucus, subliñando que “colabora coas asociacións que fan posible esta celebración, porque son as que lle dan autenticidade e singularidade a esta cita cultural e turística”.
A exposición pretende ofrecer unha mirada retrospectiva ao traballo de investigación e coidado estético desenvolvido pola asociación, que cada ano participa activamente na festa romana lucense, considerada xa un dos eventos de recreación histórica máis relevantes do noroeste peninsular.