A Asociación Castiñeiro e Nogueira denuncia que as administracións non se adaptaron ao rural
Dende a Asociación Castaño y Nogal con sede en Becerreá notan que os poderes e as administracións públicas non evolucionaron nin se adaptaron aos novos tempos nin á realidade e perfil das xentes do rural. Esta agrupación leva a cabo accións de conservación e protección do Patrimonio natural, cultural, etnográfico e a paisaxe, co fin de promover carreiros, organizar work camp medio ambientais, talleres e fomentar o turismo de natureza.
Esta asociación fixo un pequeno estudo sobre a poboación galega chegando as seguintes conclusións.
A poboación do conxunto de Galicia pasou de 2.797.653 habitantes en 2010 a 2.695.645 en 2021, o que supón un descenso de 102.008 habitantes, segundo o IGE, superior á poboación de Lugo capital, que era de 97.613 habitante, que inclúe 1873 aldeas baleiras e 1090 cun só veciño.
Dende a Asociación denuncian que “as partidas orzamentarias sen plan nin memoria nos orzamentos de Medio Rural para o ano 2022 ascenden a 629.192.986 con 219.828.835 euros máis de Medio Ambiente, segundo datos do DOG do 31-12-2021, e a aplicación das axudas do programa Next Generation non se coñece, o que é unha incoherencia obxectiva co que se achaca ao goberno central”.
A fusión dos municipios en zonas despoboadas é inaprazable xa que dos 313 deles en Galicia e singularmente do rural é decrecente como certifican o IGE e o INE, con municipios con 223, 336, 482 e 1041 habitantes no ano 2021. Isto supón que sexa inviable a persistencia de concellos con este número de habitantes. A agrupación lamenta que “a fusión de concellos é inevitable e unha cuestión de tempo. Toda demora é un piar para o abandono rural”.
Un estudo da Universidade de Extremadura valida a viabilidade económica e de mellora de servizos dos municipios de Don Benito e Villanueva de la Serena, en proceso de fusión, e augura un efecto en cadea, o que en Galicia e as provincias de Lugo e Ourense en particular é urxente e inevitable.
Galicia conta con seis zonas declaradas Reservas da Biosfera e nove Zonas de Especial Protección dos Valores Naturais (Rede Natura 2000) e outras proteccións administrativas que son meras declaracións solemnes do patrimonio natural autóctono e a biodiversidade, sen plan de posta en valor nin conservación e nin accións no territorio, ríos e patrimonio natural e cultural.
A asociación afirma que “O 65% dos Fondos Europeos asignados a Galicia quedará sen executar pola Xunta, por falta de proxectos, isto é inadmisible e mostra obxectiva de non facer o traballo previo requirido como Administración competente e xestora dos fondos asignados”.
Unha queixa máis da asociación ten que ver coa continuidade das explotacións familiares que requiren apoio aos sucesores. Afirman que “faltan programas e plans plurianuais de formación profesional agraria e apoio a sucesores e emprendedores rurais da Xunta de Galicia, así como de coordinación con outras administracións, universidades, centros de FP e de atención personalizada, claves e determinantes para a continuidade e consolidación de explotacións”.
O problema das barreiras e obstáculos administrativos que sinala a OCDE e a brecha da dixitalización, a presión medio ambiental sancionadora e arbitraria son causa–orixe complementaria da consolidación progresiva do abandono rural.
A dinamización rural, o desenvolvemento sostible e a fixación de poboación require tamén concienciación e vertebración asociativa da poboación rural para canalizar demandas e acciones prol rural, fomentar a dinamización cultural, a organización de talleres para a formación dixital e dar vida aos núcleos rurais contornas aos seus patrimonios e cultura local.
O futuro do rural do século XXI pasa por non estar só e mentalizarse de que tamén no rural hai que estar, traballar e viaxar acompañado, apoiarse para competir e sobrevivir.