A Asociación Cultural Vía Künig organiza as 'I Xornadas Lugo Centro de Camiños a Cidade Sacramental'

A Asociación Cultural Vía Künig organiza as 'I Xornadas Lugo Centro de Camiños a Cidade Sacramental', un evento que se celebrará os días 15 e 16 de marzo.
O obxectivo do encontro é poñer en valor o patrimonio histórico e relixioso de Lugo, así como o seu papel dentro das rutas xacobeas.
Durante a presentación das xornadas na Delegación Territorial da Xunta en Lugo, o delegado territorial, Javier Arias, destacou que a iniciativa “supón unha oportunidade para poñer en valor aspectos do inmenso patrimonio histórico e relixioso de Lugo e o seu papel dentro das rutas xacobeas”.
No acto tamén participaron o presidente da Asociación Vía Künig, Javier Gómez Vila, o vicario xeral da Diócese de Lugo, Mario Vázquez Carballo, representantes dos municipios polos que discorre a ruta, así como varios dos relatores que formarán parte do encontro.
A inauguración terá lugar o sábado 15 no salón de actos da Delegación Territorial ás 10.00 horas, e dará paso á primeira mesa redonda baixo o título “Vía Künig: Un proxecto con futuro”, na que participarán representantes de municipios, asociacións e federacións de Galicia e Castela e León. A programación continuará coas sesións 'A Vía Künig: O camiño da primeira guía de peregrinos da historia' e 'Os camiños de peregrinación a Santiago por Lugo'.
Pola tarde, ás 16.45 horas, realizarase unha visita á Catedral de Santa María de Lugo, onde a Xunta está a desenvolver obras de rehabilitación para solucionar problemas de humidade na capela dos Ollos Grandes e nas absidiais, cun investimento de 450.000 euros, no marco da operación Feder que contempla un investimento total de 3,2 millóns de euros para o templo.
A continuación terá lugar a mesa redonda 'Os privilexios relixiosos de Lugo: A exposición permanente do Santísimo e a Indulxencia Plenaria', seguida da presentación da 'Lucensia: O perdón de Lugo', un espazo para difundir e valorizar os privilexios espirituais únicos da cidade.
O domingo 16, a programación continuará desde as 10:00 horas con tres mesas redondas: 'Lugo, da cidade romana e medieval a cidade de peregrinos', 'O Camiño Primitivo: o primeiro itinerario a Santiago” e unha segunda parte de “Vía Künig: Un proxecto con futuro', coa participación de historiadores, expertos e académicos de diversas institucións e universidades.
Os organizadores destacan que estas xornadas pretenden contextualizar o papel de Lugo como cidade sacra e destino de peregrinación, resaltando elementos únicos como a exposición permanente do Santísimo Sacramento, a Indulxencia Plenaria Cotiá e Permanente e a súa Catedral, recoñecida pola Unesco como Patrimonio da Humanidade, xunto co Camiño Primitivo e a Muralla Romana. Ademais, a Vía Künig reivindícase como o primeiro itinerario de peregrinación cara á cidade sacramental e como nexo entre o Camiño Francés e o Camiño Primitivo.