A Asociación da Milagrosa acusa ao Goberno local de apropiarse do traballo realizado para impulsar a rehabilitación do barrio

A Xunta Directiva da Asociación de Veciños, Comerciantes e Industriais da Milagrosa criticou a actitude do actual Goberno municipal de Lugo, formado polo PP e un edil tránsfuga, ao considerar que intenta atribuírse os méritos pola obtención dos fondos destinados á rehabilitación da denominada zona antiga do barrio, un proceso que, segundo a entidade, leva máis dunha década de traballo.
Nun comunicado, a asociación asegura que o proxecto de rehabilitación comezou en 2013 por iniciativa das dúas asociacións veciñais existentes daquela na Milagrosa, coa colaboración do Gabinete de Arquitectura e Urbanismo (GAU) e da corporación municipal que presidía o daquela alcalde José López Orozco. Segundo explica, durante estes trece anos desenvolvéronse os traballos necesarios para definir a área de actuación, elaborar os planos, realizar enquisas, contactar coas persoas afectadas e preparar a documentación precisa para optar ás axudas.
A entidade sostén que durante o Goberno de Mariano Rajoy atopou numerosas dificultades para acceder aos fondos estatais destinados á rehabilitación de vivendas e afirma que a Xunta de Galicia, tanto baixo a presidencia de Alberto Núñez Feijóo como de Alfonso Rueda, tamén puxo obstáculos ao acceso ás axudas autonómicas. Neste sentido, asegura que quedaron sen executar centos de miles de euros consignados para este fin mentres os solicitantes da Milagrosa atopaban impedimentos para tramitar os expedientes.
No comunicado tamén se destaca o papel desempeñado por GAU, ao que atribúe a elaboración dos traballos técnicos necesarios mediante un concurso público promovido polo Concello de Lugo, en coordinación co movemento veciñal do barrio.
Así mesmo, a asociación recoñece expresamente a colaboración das exalcaldesas Lara Méndez e Paula Alvarellos, facendo unha mención especial a esta última, así como a do actual alcalde, Miguel Fernández, polo seu apoio ao obxectivo de impulsar a rehabilitación da parte histórica da Milagrosa.
Fronte a iso, a entidade asegura que a achega do Partido Popular ao proxecto foi "nula" e considera que a formación pretende agora atribuírse un logro que non lle corresponde. Ademais, critica a actuación da portavoz popular, Elena Candia, e do PP local, comparando a súa actitude coa dun "bombeiro pirómano" que primeiro provoca os problemas e despois intenta presentarse como quen os resolve. A asociación tamén cuestiona a actuación da Xunta de Galicia, á que acusa de condicionar a colaboración institucional en función da cor política dos gobernos.