Un novo equipo toma as rendas das festas da Milagrosa para garantir a súa celebración este ano

As festas da Milagrosa de Lugo celebraranse finalmente este 2026 despois de que Miriam, Juan e Toño decidisen asumir a súa organización para evitar que o barrio quedase sen unha das súas citas máis tradicionais, considerada ademais a antesala das festas do San Froilán.
O relevo produciuse despois de que os anteriores responsables, pertencentes á Asociación de Empresarios e Comerciantes do Barrio da Milagrosa, comunicasen que este ano a entidade non se encargaría de organizar os festexos. O colectivo estivera á fronte da celebración nos últimos anos e explicou que daba por rematada esta etapa.
A asociación quixo agradecer o respaldo recibido durante ese período e lembrou que o seu propósito foi recuperar unhas festas que considera importantes para a vida social e a convivencia no barrio. Así mesmo, expresou o seu desexo de que as actividades organizadas durante estes anos fosen do agrado da maioría da veciñanza.
Os anteriores xestores tamén aclararon que a Asociación de Empresarios e Comerciantes non está a solicitar este ano achegas económicas nin publicidade para financiar ou organizar os festexos. "Nós nin estivemos, nin estamos pedindo nin para publicidade nin para a festa", explicaron.
Ante a posibilidade de que A Milagrosa quedase sen celebración en 2026, Miriam, Juan e Toño decidiron dar un paso adiante e preparar unha nova edición con apenas dous meses de marxe.
Miriam xa colaborara durante 8 anos na celebración das festas e todos os anos organizaba a pasarela, un desfile de moda que enchía o barrio e que este ano volverá ter lugar. "Este ano decidimos asumir a organización para que o barrio non quedase sen elas", engade.
Os organizadores destacan que para sacar adiante a celebración está a resultar fundamental a implicación dos hostaleiros, comerciantes e outros negocios da zona, así como o respaldo dos propios veciños. Tamén están a prestar a súa axuda persoas que participaron na organización das anteriores edicións.
"Todos somos un equipo", subliñan os responsables, que agradecen especialmente o apoio da veciñanza ao comercio e á hostalería da Milagrosa.
En canto á colaboración institucional, a organización sinala que conta con apoio do Concello de Lugo e da Xunta de Galicia, aínda que precisa que a área de Cultura do Concello lucense non se puxo en contacto cos novos responsables para colaborar na organización.
Con este novo equipo á fronte, A Milagrosa manterá en 2026 unhas festas estreitamente vinculadas á identidade e á vida social do barrio e que tradicionalmente marcan a proximidade do San Froilán.