A Asociación de Coeses recibiu un lote de libros procedentes do fondo bibliográfico municipal
O tenente alcalde, Rubén Arroxo, xunto coa concelleira de cultura, turismo e promoción da lingua, Maite Ferreiro, visitaron a parroquia de Coeses onde realizaron a entrega dun lote de libros procedentes do fondo bibliográfico municipal á asociación veciñal. Maite Ferreiro explicou que “desde o Goberno de Lugo queremos facilitar que toda a veciñanza teña acceso a libros escritos en galego e achegar á veciñanza os distintos libros do fondo bibliográfico que xestiona a área de Cultura”.
A área de cultura realizou hoxe a primeira entrega de libros ás asociacións veciñais, que se ampliará a todas as asociacións veciñais que o soliciten “para ampliar os libros existentes nas coleccións que moitas asociacións gardan nas súas instalacións, e facilitar que as persoas que forman parte delas poidan acceder aos libros editados polo Concello”.
A concelleira de cultura destacou o gran éxito que tiveron as distintas iniciativas postas en marcha durante este ano para achegar á veciñanza os libros procedentes deste fondo. “Centos de persoas recolleron libros en galego editados polo Concello en datas importantes como o día do Libro, o día das Letras Galegas ou o día dos Museos”, lembrou Maite Ferreiro.