A Asociación de Veciños Centro de Lugo presenta alegacións á ordenanza da Zona de Baixas Emisións

A Asociación de Veciños Centro de Lugo presentou, dentro do prazo establecido, as súas alegacións á ordenanza reguladora da Zona de Baixas Emisións (ZBE), co obxectivo de mellorar a mobilidade e a calidade de vida no centro da cidade.
Logo de reunirse para analizar o contido da normativa, os veciños consideran prexudicial que os vehículos de mobilidade persoal (VMP) poidan circular libremente sen restricións, contravindo a Lei de Tráfico. A asociación solicita que estes vehículos sigan os mesmos itinerarios que o resto de automóbiles, co fin de garantir unha circulación máis ordenada e segura.
Nas alegacións tamén se destaca a necesidade de reforzar o control da contaminación acústica, sobre todo na contorna da Catedral, un espazo residencial que os veciños consideran especialmente afectado. Este punto da cidade, onde conflúen tres Patrimonios da Humanidade —a Catedral, a Muralla de Lugo e o Camiño de Santiago—, require unha protección específica.
Ademais, o colectivo trasladou ao Concello propostas respecto do novo contrato do servizo de bus urbano. Entre elas destaca a incorporación de vehículos eléctricos e de pequeno tamaño para o Centro, así como a creación dunha zona lanzadeira na Ronda da Muralla, que permita transbordos entre buses maiores e estes máis pequenos e ecolóxicos, garantindo alta frecuencia no centro histórico.
A Asociación de Veciños Centro de Lugo reafirma o seu compromiso coa mobilidade sostible, a protección do patrimonio e o benestar da veciñanza, apostando por un modelo de cidade máis ordenado e respectuoso co seu valor histórico.