A Asociación de Veciños de Rebordaos-Veral reclama a ampliación do servizo de autobús urbano

LugoXa
A entidade solicita estender o percorrido cinco quilómetros máis para mellorar a conexión de varios núcleos rurais co centro de Lugo
bus-urbano-lugo
2 Jun 2026

A Asociación de Veciños de Rebordaos-Veral volveu solicitar a ampliación do servizo de autobús urbano de Lugo co obxectivo de mellorar a mobilidade dos residentes en distintos núcleos da zona rural do municipio.

Na actualidade, o servizo de transporte urbano chega ata o polígono da Louzaneta e o Hotel Santiago. A proposta da asociación, respaldada polos veciños da contorna, consiste en prolongar o percorrido cinco quilómetros máis desde o Hotel Santiago pola estrada de Friol ata o límite entre os concellos de Lugo e Friol, concretamente nas zonas de Santa María Alta e Torible.

Desde a entidade sinalan que, tendo en conta que o modelo actual de transporte público do Concello de Lugo podería estar en proceso de revisión, esta ampliación sería unha opción viable para mellorar o servizo. Como alternativa, lembran que o anterior equipo de goberno lles trasladou a posibilidade de solicitar á Xunta de Galicia un incremento das frecuencias da liña Lugo-Friol, adaptando os horarios ás necesidades dos veciños afectados e priorizando especialmente as conexións da mañá para facilitar os desprazamentos á cidade e o regreso durante a mesma xornada.

A asociación considera que a súa proposta permitiría ofrecer un servizo de transporte público axeitado a localidades como Astariz, Rebordaos, Veral, a urbanización As Campas, Matelo, Riobó, Santa María Alta, Locai, Vilachá de Mera e Torible, núcleos situados dentro dos cinco quilómetros de ampliación que propoñen e que, segundo denuncian, carecen actualmente dun servizo de transporte público suficiente.

0.10589694976807