A Asociación de Veciños Gatos Roxos denuncian máis dun ano de abandono nun tramo do río Rato

A asociación veciñal Gatos Roxos denuncia unha situación de abandono que se prolonga desde hai máis dun ano na rúa Catón, na zona de Casas Vellas-As Gándaras, como consecuencia dos danos provocados polo río Rato. Segundo explican, a forza da auga causou a rotura da vía, o que obrigou á Policía Local a colocar vallas de protección para evitar riscos á veciñanza.
Co paso do tempo, a situación agravouse coa rotura do colector de augas sucias, o que provocou o vertido directo de residuos ao cauce do río Rato. Desde a asociación veciñal aseguran que, malia a gravidade do problema, durante todo este período ningunha administración se preocupou de reparar a avaría nin de restituír o estado da rúa afectada.
Ante a falta de actuación, o pasado mes de xaneiro a asociación enviou unha comunicación por escrito á Confederación Hidrográfica Miño-Sil, despois de que varios veciños recibisen a indicación de que calquera intervención debía solicitarse formalmente por esa vía. No escrito, Gatos Roxos reclamou tanto a reparación da avaría do colector como a reposición da rúa Catón, sen que ata o momento se teña producido ningunha resposta nin avance na solución do problema.