A Asociación de Veciños San Felipe de Balgos organiza a VIII Cata de Viño da Casa e Memorial ‘Teín’

LugoXa
O evento celebrarase este sábado con pregón, cata, xantar popular, premios e actividades lúdicas para todas as idades
Asociación-de-Veciños-San-Felipe-de-Balgos--VIII-Cata-de-Viño-da-Casa-e-Memorial
22 Apr 2026

A Asociación de Veciños San Felipe de Balgos, no Concello de Cervantes, organiza este sábado 25 de abril a VIII Cata de Viño da Casa e Memorial Dositeo Fernández García ‘Teín’, unha cita que conta coa colaboración da Xunta de Galicia e que busca poñer en valor a tradición vitivinícola da zona dos Ancares.

A presentación do evento celebrouse na sede da Xunta en Lugo, coa participación do delegado territorial da Administración autonómica, Javier Arias, e representantes do colectivo organizador, entre eles o seu presidente, Manuel Trabado.

A programación dará comezo ás 13,00 horas co pregón de Román Sánchez Besteiro, xerente da cooperativa A Carqueixa. A continuación iniciarase a cata de viño, na que se poderá degustar a produción do ano elaborada de forma caseira por unha ducia de colleiteiros da comarca dos Ancares.

Ás 15,00 horas celebrarase un xantar popular e, xa pola tarde, terá lugar a entrega de premios aos mellores viños da xornada. O evento completarase con xogos inchables para o público infantil e cun campionato de lanzamento de boina, previsto a partir das 17,00 horas e aberto á participación de persoas de todas as idades. A xornada contará tamén con animación musical a cargo do dúo Son de Festa.

Esta cita servirá, un ano máis, para lembrar a figura de Dositeo Fernández García, coñecido como ‘Teín’, quen foi secretario da asociación veciñal organizadora e un dos principais impulsores desta cata e da promoción do viño elaborado en Cervantes.

Javier Arias destacou o valor desta iniciativa como exemplo do dinamismo do rural lucense e do compromiso da veciñanza por manter vivas as súas tradicións, así como o seu papel na promoción da produción local e na xeración de actividade social e económica no territorio.

0.12502098083496