A Asociación de Veciños San Xoán de Pena organiza a Feira do Entroido de Nadela o vindeiro 22 de febreiro

LugoXa
Ademais, este ano, a Asociación organiza unha comida para celebrar o 160 aniversario da Feira de Nadela para o 23 de febreiro
Festa-Nadela-San-Xoán-de-Pena
8 Feb 2025

A Asociación de Veciños San Xoán de Pena organiza unha nova edición da tradicional Feira do Entroido de Nadela, que este ano terá lugar o sábado 22 de febreiro de 2025.

A xornada arrancará ás 08.00 horas coa asignación de postos reservados e, a partir das 09.30 horas, abrirase a feira coa exposición e venda de produtos, acompañada da animación dun grupo de música tradicional.

Ao mediodía terá lugar a recepción das autoridades, seguida da entrega dun obsequio aos vendedores participantes. Máis tarde, ás 13.00 horas, as autoridades darán a benvida oficial e o chef Santi Almuiña Casas, propietario do Restaurante Colón, será o encargado de pronunciar o pregón.

Seguidamente, Diego Flâneur & Ünder interpretarán a súa composición Canción Feira de Nadela, e a festa continuará cunha sesión vermú amenizada por Verónica Cambón.

Pola tarde, ás 17.00 horas, celebrarase o tradicional baile de entroido, no que poderán participar persoas de todas as idades. A música correrá a cargo da Charanga Santa Compaña e Verónica Cambón.

A festa culminará ás 19.00 horas co esperado Concurso de Traxes de Entroido, que contará con tres modalidades: infantil, adultos e grupal.

Ademais, durante todo o día, os asistentes poderán degustar as tradicionais filloas de Muimenta, unha das delicias gastronómicas máis esperadas do evento.

UNHA FEIRA CON 160 ANOS DE HISTORIA

Ademais, o sábado 23 de febreiro de 2025 a Asociación organiza unha comida para celebrar o 160 aniversario da Feira de Nadela, a única que se mantén no municipio de Lugo.

O evento dará comezo ás 13.00 horas cunha animada Sesión Vermú, á que seguirá, ás 14.30 horas, o esperado Cocido da Carballeria, un menú tradicional composto por sopa de cocido, cocido completo, sobremesa, bebidas e café con gotas. O prezo da comida será de 25 euros, sendo gratuíta para os nenos de ata seis anos.

Tras a comida, os asistentes poderán desfrutar do Baile de Tarde, amenizado polas actuacións musicais de Verónica Cambón e da Rondalla de Santa María do Porriño.

Ademais, como parte da celebración, tamén se organizará unha exposición fotográfica que repasará a historia desta feira centenaria, que ao longo de décadas se consolidou como unha das máis importantes da zona.

Esta feira, a única que se mantén no municipio de Lugo, celebra o seu 160º aniversario, consolidándose como unha das citas máis emblemáticas da zona.

0.15376806259155