A asociación Os Cinco Ríos do Corgo pasa a mans dunha xestora tras anos de actividade

LugoXa
A decisión adoptouse na Asamblea Xeral do pasado 9 de novembro ante a falta de relevo na directiva
Os-Cinco-Ríos-Mercado-oficios
13 Nov 2025

O Corgo viviu o pasado 9 de novembro un fito na vida asociativa do municipio coa celebración da Asamblea Xeral Ordinaria da asociación Os Cinco Ríos, á que acudiron numerosos socios. Ao remate do encontro ofrecéronse pinchos aos asistentes, nun acto que tamén serviu para repasar a traxectoria da entidade.

Constituída en 2019, Os Cinco Ríos afrontou dende o seu inicio o parón imposto pola pandemia, pero conseguiu consolidarse como a primeira asociación a nivel municipal, integrando as 38 parroquias do concello e situándose como pioneira na provincia, cunha cifra actual de máis de 600 socios.

Ao longo destes anos, a asociación desenvolveu actividades culturais e lúdicas para toda a veciñanza, desde campionatos de tute, charlas, obras de teatro e bailes dominicais con música, ata cursos, animación infantil e mercadillos mensuais con artesanía, antigüidades, roupa, plantas e pulperías.

Unha das citas máis destacadas foi o “mercado de oficios” anual en agosto, que este ano acolleu 75 postos e incluiu exhibición de maquinaria, degustación de cordero á prancha, coches clásicos, motos, actuacións musicais e feira de artesanía. Para levar a cabo estas iniciativas, a asociación contou con certa axuda das administracións públicas, aínda que nunca suficiente, e sempre actuou sen ánimo de lucro e co respecto ás asociacións de cada parroquia.

Durante a súa existencia, a directiva traballou por unir e mellorar O Corgo, incluso mantendo un punto nos estatutos que impede aos membros formar parte de partidos políticos. Aínda así, a asociación sufriu bloqueos por parte dalgunhas administracións, incluído o propio concello, que en moitas parroquias con explotacións gandeiras segue sen garantir servizos básicos como a traída de auga.

Ante a falta de relevo na directiva e o desgaste acumulado, a Asamblea Xeral decidiu deixar a asociación en mans dunha xestora, que asumirá a súa xestión ata a conformación dunha nova directiva. Por agora, non se levarán a cabo novas actividades, limitándose a presentar escritos atendendo ás necesidades dos veciños, seguindo a filosofía da entidade.

O presidente, José Chousa López, agradeceu en nome de toda a directiva a colaboración de todos os que fixeron posible que este proxecto fose un éxito ao longo destes anos.

⚙ Configurar cookies
0.078212976455688