A Asociación Rioplatenses de Lugo organiza un obradoiro para previr as violencias machistas

LugoXa
A iniciativa "Entre iguais" celebrarase os sábados 14 e 21 de novembro na Casa María Mariño e estará centrada na igualdade, os dereitos das mulleres e a creación de redes de apoio
Casa-das-Asociacións-Lugo-Casa-María-Mariño
14 Nov 2026

A Asociación Rioplatenses de Lugo organizará os días 14 e 21 de novembro o obradoiro "Entre iguais: construíndo igualdade, promovendo o respecto e previndo as violencias machistas", unha iniciativa dirixida a crear un espazo de encontro, aprendizaxe e apoio entre mulleres migrantes.

As sesións permitirán coñecer os dereitos das mulleres e os recursos de apoio dispoñibles, identificar e previr as distintas formas de violencia de xénero e fortalecer a autonomía, a autoestima e a confianza das participantes.

Outro dos obxectivos será favorecer a creación de redes de apoio, solidariedade e sororidade entre mulleres migrantes, nun espazo no que todas as voces teñan cabida e no que as diferenzas sexan entendidas como unha fonte de enriquecemento.

O obradoiro celebrarase ambos os sábados ás 17:00 horas na Casa María Mariño, situada no número 2 de Monte Faro, na esquina coa avenida da Coruña.

0.16452789306641