A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy organiza unha formación para familias sobre os límites na crianza

A Asociación Socioeducativa Antonio Gandoy celebrará o vindeiro sábado, 9 de maio, ás 11:00 horas, unha xornada de formación dirixida a nais e pais con crianzas menores de seis anos.
O encontro terá lugar no local da entidade, situado en Garaballa de Arriba, e pretende ofrecer un espazo de aprendizaxe, reflexión e intercambio de experiencias arredor da crianza. Baixo o título 'Debo poñer límites? Si, por favor!!!', a actividade abordará a importancia de establecer normas e límites desde as primeiras etapas da infancia.
A xornada estará impartida por Cristina Feijóo Varela, pedagoga especializada en primeira infancia e orientadora da asociación, quen guiará ás persoas asistentes na resolución de dúbidas e na adquisición de ferramentas prácticas para o día a día.
A actividade está aberta tamén a todas aquelas persoas interesadas na temática, con prazas limitadas e inscrición previa.