A asociación veciñal de Casás reclama unha actuación urxente ante o deterioro do barrio

A Asociación de Veciños Oliveira Casás trasladou ao Concello de Lugo, a través da Alcaldía e da Concellería de Mobilidade, a súa preocupación polo estado que presenta actualmente o barrio, denunciando unha situación de abandono que, segundo asegura, está a repercutir de maneira directa na seguridade, na mobilidade e na calidade de vida da veciñanza.
A entidade veciñal acompañou a súa reclamación con imaxes de diferentes puntos do barrio, entre eles as rúas Rei Chiquito, Flor de Lirio e Oliveira, nas que asegura que se pode comprobar o crecemento excesivo da vexetación, a invasión das beirarrúas pola maleza e un aspecto xeral de falta de mantemento dos espazos públicos.
A asociación considera especialmente preocupante o estado das cunetas, que, segundo explica, están completamente cubertas pola vexetación en varios puntos. Esta situación dificultaría a correcta evacuación da auga, favorecería a presenza de animais e podería incrementar o risco de deterioro do firme e posibles inundacións.
Segundo a entidade, os problemas son especialmente visibles nas zonas destinadas ao tránsito peonil, onde a maleza dificulta o paso das persoas, reduce a visibilidade e aumenta o risco de caídas ou encontros con animais, xerando unha sensación de inseguridade que consideran impropia dunha zona urbana consolidada.
A asociación lembra que Casás é un barrio urbano integrado por unha área de chalés e outra formada por vivendas e edificios residenciais, cuxos habitantes, subliña, contribúen cos mesmos impostos municipais que o resto da cidadanía. Por este motivo, considera que os residentes teñen dereito a recibir os mesmos servizos de mantemento, entre eles os labores periódicos de desbroce, limpeza de cunetas, acondicionamento das beirarrúas, retirada de vexetación e conservación xeral dos espazos públicos.
Ante esta situación, a entidade reclama unha intervención urxente por parte do Concello de Lugo que inclúa actuacións de limpeza, desbroce e acondicionamento integral do barrio, iniciándose nas rúas sinaladas e estendéndose a outros puntos que presenten problemas similares.
Ademais, a Asociación de Veciños Oliveira Casás propón que se estude unha posible redución do IBIU para os residentes do barrio, argumentando que a ausencia prolongada de servizos de mantemento urbano podería xustificar unha compensación económica.
A entidade asegura que non está a reclamar medidas extraordinarias, senón actuacións básicas que garantan condicións adecuadas de seguridade, salubridade e dignidade urbana. Tamén defende que Casás é un barrio activo, con identidade propia e cunha veciñanza implicada, polo que solicita unha resposta inmediata e unha planificación estable que permita acabar coa situación actual e asegurar un mantemento continuado.