A Asociación Veciñal de Rebordaos-Veral pide ampliar o bus urbano de Lugo

LugoXa
A asociación veciñal reclama que o servizo municipal estenda o seu percorrido para dar cobertura a varios núcleos rurais da parroquia de O Veral
autobús-urbano-Lugo
29 Jan 2026

A Asociación Veciñal de Rebordaos-Veral, na parroquia de O Veral, vén de solicitar á Concellería de Mobilidade a ampliación do servizo municipal de bus urbano co obxectivo de que chegue ata o límite do Concello de Lugo co de Friol. A entidade veciñal considera necesaria esta mellora nun contexto no que, segundo lembra, desde o Concello de Lugo se está a falar nos últimos tempos dunha nova proposta de prestación do servizo e mesmo da posibilidade de introducir cambios e melloras no transporte público urbano.

Na actualidade, o servizo de bus urbano do Concello de Lugo remata nesta zona en puntos como o cemiterio, Louzaneta ou o Hotel Santiago. A petición da asociación pasa por prolongar o percorrido entre 4 e 5 quilómetros máis, de maneira que o transporte público chegue ata o límite administrativo co Concello de Friol, ampliando así a súa área de influencia.

Esta extensión permitiría dar servizo a núcleos como Astariz, Santo Matías, Rebordaos, O Veral, Vilachá de Mera, Locai, Santa María Alta, Rioboo e Torible, todos eles habitados por un número elevado de veciños e veciñas do municipio de Lugo. Ademais, o traxecto solicitado inclúe distintas urbanizacións de chalés e vivendas unifamiliares, entre elas a urbanización das Campas, situada en Santa María Alta.

Desde a asociación veciñal subliñan que a ampliación do bus urbano ás parroquias propostas suporía un avance significativo na mobilidade da zona e un servizo especialmente necesario para as persoas maiores, para os veciños e veciñas que se desprazan a Lugo por motivos laborais ou comerciais, así como para aquelas persoas que dispoñen dunha segunda residencia nesta contorna.

⚙ Configurar cookies
0.079874038696289