A asociación veciñal Fontiñas Norte denuncia doce anos de bloqueo no proxecto da Ronda Leste

LugoXa
A entidade reclama á Xunta a presentación inmediata do proxecto definitivo e un calendario real para unha infraestrutura que considera clave para mellorar a mobilidade na cidade
vista-aerea-prolongacion-ronda-leste
6 Mar 2026

A Asociación Veciñal Fontiñas Norte fixo pública a súa “profunda preocupación e malestar” pola situación de bloqueo que, segundo denuncia, sofre desde hai anos o proxecto da Ronda Leste de Lugo, unha infraestrutura que consideran imprescindible para mellorar a mobilidade, a seguridade viaria e a calidade de vida de miles de lucenses.

Segundo explica a entidade nun comunicado, desde que se plantexou por primeira vez a necesidade desta vía pasaron xa doce anos sen avances reais. Durante este tempo, a Xunta de Galicia foi consignando partidas económicas nos orzamentos que, segundo sinalan, nunca chegaron a executarse. En 2024 anunciáronse 5 millóns de euros e en 2025 a cifra ascendeu a 7 millóns, mais “nin un só euro foi investido na obra porque a día de hoxe nin sequera existe un proxecto definitivo”.

A asociación considera que esta situación, repetida ano tras ano, supón unha falta de respecto cara á cidadanía e alimenta a frustración entre os veciños e veciñas da cidade. “Esta situación reiterada supón unha falta de respecto á cidadanía e xera a sensación de que se anuncian investimentos que non se pensa executar”, sosteñen.

Desde Fontiñas Norte lembran que a Ronda Leste é unha infraestrutura clave para completar o cinto de circunvalación de Lugo e conectar a zona da Tolda co Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) e coa Ronda Norte.

Segundo defenden, a súa execución permitiría reducir os atascos diarios na avenida de Fontiñas, evitar o deterioro do paseo e da estrada do Rato —actualmente saturados polo tráfico cara ao hospital— e desviar vehículos procedentes de Monforte, Sarria, O Corgo, A Montaña lucense e numerosas parroquias. Ademais, contribuiría a mellorar a seguridade viaria e a calidade ambiental en zonas residenciais.

A entidade lembra tamén que, tras as alegacións cidadás presentadas ao último deseño da infraestrutura, solicitouse un proxecto alternativo con menor impacto ambiental. Porén, denuncian que “desde entón pasaron máis de dous anos sen que a Xunta presentase ningunha alternativa”.

Na actualidade, segundo indican, o proxecto continúa sen documento definitivo, sen exposición pública nin período de alegacións, sen estudo ambiental actualizado e sen licitación, ademais de carecer dun calendario real de execución. Neste contexto, a asociación considera que “calquera partida orzamentaria anunciada para 2025 é mera propaganda”, xa que, segundo argumenta, non existe base técnica para iniciar as obras.

Desde Fontiñas Norte advirten tamén de que, mesmo no mellor dos escenarios, se o proxecto se presentase de inmediato, o proceso administrativo necesario —que inclúe alegacións, expropiacións, licitación, adxudicación e execución— atrasaría a finalización da infraestrutura máis aló de 2031 ou 2032. “Cada ano de atraso administrativo retrasa aínda máis a solución a un problema que xa é urxente”, subliñan.

Por todo iso, a asociación veciñal esixe á Xunta de Galicia a presentación inmediata do proxecto definitivo da Ronda Este, a apertura do proceso de exposición pública e alegacións e a publicación dun calendario realista para as expropiacións, a licitación e a execución da obra. “Os lucenses non somos menores de idade aos que se poida enganar con anuncios baleiros. Somos cidadáns que merecemos respecto, información veraz e solucións reais”, conclúe a entidade.

0.13334894180298