A asociación veciñal Puentenuevo de Rebordaos Veral denuncia o abandono da estrada vella entre Friol e Lugo

A Asociación Vecinal Puentenuevo de Rebordaos Veral expresou a súa preocupación polo estado de deterioración que presenta a estrada vella que conecta Friol con Lugo, especialmente no tramo correspondente á parroquia de O Veral.
Segundo sinala o colectivo, durante a última semana de febreiro varios membros documentaron con fotografías as deficiencias dunha vía que continúa sendo utilizada a diario por numerosos veciños e veciñas para acceder ás súas vivendas e ao punto limpo da zona.
A asociación advirte de que o firme presenta un notable deterioro, con fochancas continuas, socavóns e acumulacións de auga que dificultan a circulación habitual de vehículos e supoñen un risco evidente para a seguridade viaria. A esta situación súmase a falta de mantemento das cunetas, cuxa ausencia de limpeza está a provocar asolagamentos recorrentes, agravando aínda máis o mal estado da calzada, sobre todo en xornadas de choiva.
Desde o colectivo consideran que esta realidade evidencia unha “deixadez absoluta” por parte da Xunta de Galicia, á que responsabilizan de non garantir unhas condicións mínimas de seguridade e accesibilidade nunha infraestrutura que segue a prestar servizo á cidadanía.
Ante este escenario, a entidade veciñal esixe a reparación inmediata do firme no tramo afectado, a limpeza urxente das cunetas para evitar novas inundacións e unha actuación responsable por parte da Consellería competente que permita reverter o que cualifican como un estado lamentable da vía. A asociación subliña que a veciñanza merece infraestruturas seguras, funcionais e ben conservadas e asegura que non se pode seguir tolerando o abandono das estradas.