A banda de música de Antas de Ulla celebra o seu 125 aniversario

LugoXa
A Deputación colabora con 36.000 euros na celebración do 125 aniversario da Banda de Música de Antas de Ulla.
banda musica antas
24 Jun 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e a deputada de réxime interior, promoción do territorio e turismo, Pilar García Porto, participaron este mércores na presentación dos actos conmemorativos do 125 aniversario da banda de música de Antas de Ulla, cos que colabora a institución provincial con aportacións que suman uns 36.000 euros. No acto, que tivo lugar na praza Nova do concello, Tomé Roca destacou o importante papel que a agrupación musical ten para poñer en valor as tradicións e a cultura da provincia.

“Unha traxectoria de 125 anos como a que ten a banda de música de Antas de Ulla, unha das máis antigas de Galicia, demostra a calidade do traballo realizado. Demostra que hai un gran labor detrás, pero tamén moita ilusión, constancia, vocación artística, amor pola música, e moitas ganas de poñer en valor a nosas tradicións e cultura”, sinalou o presidente.

A Deputación de Lugo achega 18.000 euros á banda para a celebración dos distintos actos conmemorativos e, ademais, organiza unha exposición, e a edición dun libro e de dous vídeos que documentan o percorrido da historia da formación. A mostra -que conta cunha achega de 18.000 euros da institución provincial- inclúe sete monolitos con imaxes da banda que ilustran a cronoloxía destes 125 anos. A Deputación axudará tamén na edición de 1.000 exemplares do libro e na divulgación dos vídeos, que foron realizados polo Servizo de Audiovisuais da institución provincial.

Tomé Roca felicitou e recoñeceu o traballo de “todas aquelas persoas que dalgún ou outro xeito fixeron posible ó longo da historia que a banda de música de Antas chegase ata aquí, e que o faga con tan boa saúde, porque é hoxe un proxecto máis novo ca nunca, na súa enerxía, no seu entusiasmo e novo na idade media dos músicos da agrupación, que está nos 18 anos”. O mandatario provincial destacou neste sentido que “é moi importante celebrar unha traxectoria tan longa dende a garantía de contar cunha canteira para seguir no futuro”.

A deputación de Lugo, que nos últimos anos fixo diferentes aportacións económicas á escola e a banda de música de Antas de Ulla para a compra de material e o funcionamento da propia agrupación, adquiriu o compromiso de apoiar e impulsar o tecido asociativo da provincia co fin de dinamizar e manter vivo o rural. 

“Colaboramos coa banda de Antas porque é un referente e porque a formación musical e a cultura que representa esta agrupación resulta fundamental para este concello e para toda a comarca da Ulloa”, sinalou o Presidente, que engadiu que “o rural necesita comunicacións, servizos públicos e investimentos, e tamén o impulso da cultura”.

Unha agrupación embaixadora de primeiro nivel

José Tomé explicou que coa colaboración da Deputación de Lugo “queremos recoñecer ademais o apoio dos veciños e veciñas de Antas a esta formación, e o esforzo dos socios e socias dunha banda que non é municipal, senón que xurde pola implicación dunha asociación, dun grupo de veciños, que decidiron apostar por unha manifestación cultural que difunde o nome de Antas de Ulla no panorama cultural lucense, galego e nacional. A banda de música é unha embaixadora de primeiro nivel, que atrae interese e que contribúe, polo tanto, á proxección turística desta comarca e de toda a provincia”.

A agrupación musical, fundouse en 1896 e mantivo de forma ininterrompida a súa actividade ata a Guerra Civil, cando se disolveu, retomándose o proxecto a principios dos anos 80. 

Outros proxectos

O Presidente lembrou tamén o compromiso da institución provincial co concello de Antas de Ulla, onde se levará a cabo o proxecto do Parque Central de Galicia que a Deputación de Lugo creará no centro xeográfico de Galicia, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante. “Un proxecto que marcará un antes e un despois neste concello e na comarca da Ulloa, a nivel de promoción, turístico e económico”, destacou o presidente.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.20539903640747