A biblioteca de Lugo ofrece mostras bibliográficas no verán
A biblioteca pública de Lugo ofrece ao longo do verán diversas mostras bibliográficas para gozar de lecturas, descubrir Xapón e lembrar o concerto solidario de 1985 Live Aid. Cómpre lembrar que durante os meses de xullo e agosto o centro bibliotecario estará aberto de luns a venres co horario habitual da época estival, que abrangue das 8.30 ás 14.30 horas.
Así, o público poderá atopar ata finais de agosto unha selección de libros para as vacacións, coa mostra Un verán de lecturas, ademais dun conxunto de obras sobre a cultura xaponesa coas que descubrir como se fusionan a modernidade e as tradicións no país asiático, entre outros temas.
A música tamén terá o seu espazo no centro bibliotecario cunha mostra conmemorativa do concerto Live Aid, celebrado en xullo de 1985 de xeito simultáneo na cidade inglesa de Londres e na estadounidense de Filadelfia, para recadar fondos destinados a paliar a fame en Etiopía e Somalia. Libros, vídeos e CD´s dalgúns dos preto de 80 artistas participantes lembran a iniciativa a partir da que se declarou o 13 de xullo Día Mundial do Rock.
Pola súa banda, ao longo deste mes seguen as mostras iniciadas en xuño Eu viaxo, ti viaxas, nós viaxamos, dirixida ao público infantil, cunha selección de guías de viaxe específicas para este colectivo, e Día do orgullo LGTBI, instalada ata o día 15 no marco da celebración, o 28 de xuño, desta efeméride e que inclúe libros e películas.
Así mesmo, continúa podendo visitarse ata finais de mes Noroeste Cuarta Oeste, arredor de todas as manifestacións artísticas e enmarcada no programa Nortear a prol do reforzo dos vínculos na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.