A Biblioteca de Lugo programa cinco espectáculos de narración oral con humor e retranca galega

A Biblioteca Pública Provincial de Lugo organizará o ciclo de narración oral "Risas con raíces. O humor da nosa terra", unha programación integrada por cinco espectáculos que teñen como fío condutor o humor e a retranca para contar historias e retratar as relacións sociais, os costumes e as experiencias da vida cotiá.
O centro, xestionado pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, aposta así por abrir un espazo ás artes escénicas, dar visibilidade a profesionais da narración oral e do teatro e reivindicar o galego como lingua de creación artística e comunicación.
As actuacións desenvolveranse no salón de actos da biblioteca durante as próximas semanas, sempre en mércores e ás 20:00 horas. A entrada será libre e gratuíta ata completar a capacidade do recinto.
O encargado de inaugurar o programa será Caxoto, este mércores 18 de novembro, co espectáculo "De aló de onde eu veño", unha proposta arredor das orixes, os referentes e os camiños percorridos. A seguinte cita será o 2 de decembro con Vero Rilo, que presentará "Elas", unha selección de historias de vida que dá voz ás mulleres.
O 16 de decembro será a quenda de Quico Cadaval con "Quico Cadaval conta vacas, guerras, porcos e cregos", un espectáculo no que relata as vivencias de Xuán o Fino e dos numerosos coprotagonistas da rodeada.
Xa en xaneiro, María da Pontragha representará o día 13 "Coa palabra na boca", unha proposta que combina palabra e música de tradición oral para falar de heroínas anónimas. Paula Carballeira será a encargada de pechar o ciclo o 17 de xaneiro cos contos de "Camiños de terra".