A Biblioteca Provincial acolle a exposición 'Do Bimilenario ao Arde Lucus' ata o 14 de outubro

A Biblioteca Provincial de Lugo acolle ata o vindeiro 14 de outubro a exposición 'Do Bimilenario ao Arde Lucus', unha mostra elaborada polo Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá con motivo da XLVIII Semana de Cine de Lugo e dedicada a dúas efemérides vinculadas á historia recente da cidade.
A exposición conmemora, por unha banda, o medio século transcorrido desde a celebración do Bimilenario de Lugo, ao que están dedicados cinco dos paneis que compoñen a mostra. Os sete restantes céntranse nos 25 anos de historia do Arde Lucus, festa de recreación histórica que se converteu nunha das principais citas culturais e festivas da cidade.
Con motivo deste aniversario do Arde Lucus, a exposición reúne nos paneis correspondentes un total de 25 fotografías e 25 opinións de lucenses destacados sobre a evolución e o significado da festa de recreación histórica ao longo deste cuarto de século.
A mostra foi inaugurada o martes da pasada semana na Delegación Territorial da Xunta de Galicia, coincidindo coa recepción á embaixada do Festival de Cine de Astorga, que se irmandou coa Semana de Cine de Lugo. No acto participou tamén unha ampla representación das agrupacións romanas e castrexas do Arde Lucus.
Posteriormente, a exposición foi trasladada á entrada da Biblioteca Provincial, onde permanece aberta ao público ata o 14 de outubro. A mostra está acompañada, ademais, dun catálogo que reproduce os doce paneis e que será entregado aos visitantes.