A Biblioteca Provincial de Lugo acollerá unha exposición sobre a historia da telefonía na provincia

LugoXa
A mostra, organizada por Astelu, reúne fotografías, documentos e aparellos históricos que percorren máis dun século de evolución das comunicacións
exposicion-historia-da-telefonía-en-Lugo
28 May 2026

A Biblioteca Pública Provincial de Lugo acollerá a partir do próximo 1 de xuño unha exposición dedicada á historia da telefonía na provincia, organizada pola Asociación Sénior de Telefónica de Lugo, coñecida como Astelu.

Baixo o título ‘Historia do teléfono na provincia de Lugo’, a mostra inaugurarase o luns ás 19.00 horas e poderá visitarse ata o 31 de agosto. A exposición reúne arredor de 80 fotografías antigas e unha ampla colección de equipos, documentos e material histórico que permiten realizar un percorrido pola evolución da telefonía ao longo de máis dun século na provincia lucense.

Entre as pezas expostas figuran antigos teléfonos de manivela, aparellos de magneto e teléfonos de disco, ademais dos primeiros dispositivos mans libres e dos actuais móbiles intelixentes. A mostra complétase con ferramentas, elementos das redes telefónicas, centrais de conmutación, guías telefónicas e diferentes publicacións relacionadas coa evolución das comunicacións. Tamén se poderá consultar un cartel cronolóxico sobre a historia da telefonía en Lugo.

A exposición inclúe algunhas pezas singulares, como unha guía telefónica de Galicia datada no ano 1930 e unha centraliña rural de 30 liñas, considerada unha das primeiras que se instalaron na provincia.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, participou na presentación da mostra xunto con representantes do colectivo organizador, entre eles o presidente de Astelu, José Luis Rodríguez.

Durante o acto, Javier Arias destacou o valor divulgativo desta iniciativa e puxo en valor o labor desenvolvido pola asociación para conservar e difundir “un patrimonio histórico vinculado á evolución das comunicacións e que forma parte da memoria colectiva da provincia”.

0.12127304077148