A Biblioteca Pública de Lugo acolle a exposición ‘Retratos’ da artista Judith Martín Velasco

A Biblioteca Pública de Lugo acollerá desde o luns 4 de maio a exposición ‘Retratos’, unha mostra que reúne máis dunha vintena de obras de pintura e debuxo da artista lucense Judith Martín Velasco. A iniciativa foi presentada na Delegación Territorial nun acto no que participaron o delegado, Javier Arias, a propia autora e o presidente da Asociación Española contra o Cancro na provincia, José Manuel Rozas, entre outras persoas asistentes.
A inauguración terá lugar o propio 4 de maio ás 19.00 horas e a exposición permanecerá aberta ao público ata o día 30 do mesmo mes. A proposta céntrase especialmente na serie ‘Historia de 9 vidas’, composta por nove óleos sobre lenzo nos que a artista retrata a pacientes oncolóxicos desde unha perspectiva próxima e humana, afastada de calquera dramatización, poñendo o foco nos instantes cotiáns, nas emocións e nas expresións vitais das persoas representadas.
O conxunto complétase coa serie ‘Almas sabias’, tamén dedicada ao retrato, xunto con outras pezas como ‘As mans de miña nai’ e diversos estudos do corpo humano realizados en carboncillo e técnicas mixtas, que amplían a diversidade formal e expresiva da mostra.
A exposición permite así achegarse ao traballo de Judith Martín Velasco, formada na Facultade de Belas Artes de Salamanca, arredor da figura humana e do retrato, explorado a través de distintas técnicas e enfoques artísticos que combinan sensibilidade e observación directa da realidade.