A Biblioteca Pública de Lugo acolle un obradoiro fotográfico

LugoXa
Os fotógrafos Michel Le Belhomme e Miguel Ángel Tornero ofrecerán obradoiros na Biblioteca de Lugo no marco da mostra Percorrer o tempo
MICHEL LE BELHOMME E MIGUEL aNGEL TORNERO
6 Nov 2021

O fotógrafo francés Michel Le Belhomme e o xienense Miguel Ángel Tornero, ambos de extenso percorrido internacional, serán os protagonistas dos obradoiros de Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, a mostra itinerante organizada pola Xunta que transforma contedores de barco en salas de proxección coa mirada de prestixiosos artistas visuais e que, tras o seu paso pola Coruña, chega a Lugo a vindeira semana. 

As sesións, dirixidas a todas as persoas interesadas na fotografía e na colaxe, terán lugar nas xornadas do xoves 11 e do venres 12 entre as 16,00 e as 20,00 horas na Biblioteca Pública da Xunta en Lugo. Nelas os artistas abordarán a súa metodoloxía fotográfica e artística e traballarán tanto co material das persoas asistentes como con outros específicos para a actividade. 

O obxectivo é crear dinámicas de creación e reflexión colectiva sobre a imaxe a través da técnica da colaxe e da intervención sobre a fotografía. Cómpre ter en conta que para asistir é preciso inscribirse previamente a través do enderezo electrónico biblio.publica.lugo@xunta.gal, indicando no asunto Obradoiro de fotografía e incluíndo o nome, idade, profesión e unha breve explicación dos motivos para participar na actividade, así como o compromiso de permanecer nela ata o final. O número de prazas está limitado a dez.

CONFERENCIA

Os obradoiros complétanse cunha conferencia na que Michel Le Belhomme e Miguel Ángel Tornero exporán os seus traballos. A cita terá lugar tamén o xoves a partir das 20,00 na biblioteca e cómpre inscribirse a través do teléfono 982 828 327. 

Michel Le Belhomme vive e traballa en Rennes, Francia. É profesor, conferenciante, comisario e crítico de fotografia e foi galardoado co Prix Voies Off en Arles e o Premio de Fotografía Solas en Dublín. Expón regularmente en Francia e no estranxeiro, en museos, galerías e festivais e está representado pola galería Binome de París e a galería Cuadro Art de Dubái.

Miguel Ángel Tornero é licenciado en Belas Artes pola Universidade de Granada. Realizou residencias artísticas na Academia de España en Roma (2012/13) ou Künstlerhaus Bethanien en Berlín (2010), entre outros lugares, e foi galardoado con importantes premios de fotografía, como o Grünenthal (2011), Purificación García (2007) ou ABC (2003), así como Generaciones (2009) a proxectos artísticos ou o Premio Nacional al Mejor Libro de Arte editado en 2014. 

Os obradoiros de ambos artistas encádranse na mostra itinerante Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño que a Xunta de Galicia, co apoio da Fundación La Caixa, promove para achegar diversas perspectivas das Rutas Xacobeas a través da ollada de dez artistas do eido audiovisual. A exposición inaugurouse na Coruña o pasado setembro e inicia agora o seu percorrido que a levará a Lugo, Ourense, Vigo e Santiago de Compostela.

0.081482172012329