A Biblioteca Pública de Lugo acolle un 'scape room' de Castelao

A Xunta de Galicia pon en marcha unha iniciativa educativa que combina xogo e literatura para achegar a figura de Castelao aos escolares de sexto curso de Educación Primaria de Lugo.
Trátase dun escape room denominado 'Pescudando en Castelao. O tesouro das cousas', que se desenvolverá na Biblioteca Pública de Lugo entre o 10 de marzo e o 21 de abril.
O delegado territorial da Xunta, Javier Arias, presentou a proposta acompañado polo director territorial da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández; a xefa do Servizo de Coordinación Cultural, Águeda Valín, e a directora da Biblioteca, María Isabel Pérez.
Arias destacou a boa acollida da iniciativa entre os centros educativos do municipio, con trece colexios xa inscritos. Ademais, lembrou que o prazo para anotarse permanece aberto ata o vindeiro venres, día 28.
O escape room propón un reto no que os estudantes, convertidos en "detectives literarios", deben resolver pistas e enigmas baseados na vida e obra de Castelao. Durante unha hora, os participantes deberán investigar entre os libros e ilustracións do autor para descifrar unha mensaxe oculta. Só superando todas as probas lograrán desbloquear o enigma final antes de que remate o tempo.
O obxectivo desta actividade é transmitir ás novas xeracións a relevancia da obra de Castelao e fomentar o interese pola literatura galega, destacando o seu papel fundamental na consolidación da identidade cultural de Galicia. Ademais, a proposta busca reforzar o traballo en equipo e desenvolver habilidades de resolución de problemas entre os escolares.
O proxecto parte da Dirección Territorial de Cultura e da Biblioteca Pública de Lugo co propósito de converter este espazo nun referente cultural para a mocidade. Segundo os resultados desta edición, podería chegar a ampliarse a outros puntos da provincia nun futuro.