A Biblioteca Pública doa máis de 200 libros ao HULA polo Día do Libro

LugoXa
Os exemplares, dirixidos a pacientes e acompañantes, buscan facer máis levadía a estancia hospitalaria a través da lectura
Bbilioteca-Entrega-Libros-Hula
24 Apr 2026

A Biblioteca Pública de Lugo, dependente da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude, vén de doar máis de 200 libros á Área de Humanización do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) co obxectivo de poñelos a disposición das persoas ingresadas e dos seus acompañantes.

A entrega realizouse na xornada de hoxe coincidindo coa celebración do Día do Libro, nunha iniciativa que pretende contribuír ao benestar dos pacientes a través da lectura. Os exemplares seleccionados abranguen públicos de todas as idades e céntranse especialmente no entretemento, cunha clara presenza da narrativa, incluíndo novelas e contos pensados para distraer e facer máis levadía a estancia hospitalaria.

Entre os títulos doados inclúense tamén 20 obras cedidas polo escritor Francisco Narla, das cales cinco son da súa propia autoría, reforzando así a presenza de literatura galega na colección destinada ao hospital.

No acto de entrega participaron a directora territorial de Sanidade, Begoña Seco; a xefa do Servizo de Coordinación Cultural da Xunta en Lugo, Águeda Valín; a directora da Biblioteca Pública, Isabel Pérez Fórneas; e a responsable de Humanización da Área Sanitaria de Lugo, Gloria Sanjurjo, entre outros representantes institucionais.

0.13471794128418