A Brigada do Rural actuará con urxencia na vía da contorna da igrexa de Vilachá de Ribas de Miño

A Brigada do Rural de Lugo iniciará nos vindeiros días actuacións de reparación na estrada situada na contorna da igrexa de Vilachá de Ribas de Miño, logo de detectarse diversos danos no pavimento como consecuencia das intensas choivas rexistradas nas últimas semanas, unha situación que se viu agravada polo recente temporal.
A intervención levarase a cabo con carácter urxente para restablecer as condicións de seguridade e garantir a correcta circulación polo vial. Para iso mobilizarase maquinaria do parque móbil municipal e persoal especializado da brigada que atende a zona rural. Os traballos centraranse na reposición e acondicionamento do firme afectado, especialmente nas áreas onde a acumulación de auga e a perda de consistencia do pavimento provocaron deterioros significativos.
Co obxectivo de asegurar a protección tanto dos operarios como das persoas usuarias da vía, o tramo permanecerá pechado ao tráfico durante a xornada de mañá. Desde o Goberno local recoméndase á veciñanza empregar rutas alternativas nos seus desprazamentos habituais mentres se desenvolvan as tarefas.
Esta actuación forma parte do dispositivo especial activado polo servizo municipal para facer fronte ás consecuencias das recentes inclemencias meteorolóxicas. Nos últimos días, a Brigada do Rural tivo que atender arredor dunha decena de incidencias en distintos puntos do municipio, a maioría relacionadas con danos en estradas e pistas municipais, así como con problemas nas canalizacións de augas pluviais.