A caída de ramas obriga realizar unha poda preventiva en Monterroso

LugoXa
Os traballos buscan reducir o risco de caída de ramas nun dos espazos públicos máis utilizados da localidade, con parque infantil e actividades ao aire libre durante todo o ano
poda-árbores-Concello-de-Monterroso
14 Aug 2026

O Goberno municipal de Monterroso levou a cabo unha poda preventiva nas árbores situadas na Praza do alcalde Antonio Rojo Losada, unha actuación orientada a mellorar a seguridade das persoas usuarias deste espazo público e minimizar o risco de desprendemento de ramas.

Segundo explicou o Concello, nos últimos meses detectáronse episodios de rotura e caída de ramas en diferentes puntos do municipio, unha situación que pode estar relacionada con factores como os períodos prolongados de seca e a necesidade de realizar labores periódicos de mantemento da masa arbórea.

As árbores sobre as que se actuou presentaban ramas de gran tamaño e cunha importante carga de follaxe, o que incrementaba o peso soportado pola súa estrutura. Esta circunstancia podía favorecer a aparición de roturas en determinadas condicións meteorolóxicas ou ambientais.

Desde o Executivo local destacan que a intervención ten un carácter preventivo e responde á necesidade de garantir a seguridade nunha zona especialmente frecuentada pola veciñanza. A Praza do alcalde Antonio Rojo Losada alberga un parque infantil e acolle ao longo do ano numerosas actividades culturais, festivas e de lecer.

Os traballos consistiron nunha poda moderada de recorte e descarga das ramas co obxectivo de reducir o seu peso e diminuír as posibilidades de que se produzan desprendementos.

O Goberno municipal defende que a prevención debe ser unha prioridade cando está en xogo a seguridade das persoas e considera que actuar antes de que se produzan incidentes é a mellor maneira de protexer a nenos, familias e demais usuarios deste espazo público.

0.12815880775452