A campaña 'O Mercado sabe a Outono' regalará castañas asadas ás persoas que compren nos mercados de Lugo

LugoXa
A iniciativa municipal, que conta co apoio da Xunta, desenvolverase os días 5, 6, 7, 9 e 10 de novembro para incentivar as compras na Praza de Abastos e no Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros
Mercado-Outono-Lugo-26
3 Nov 2026

A Praza de Abastos e o Mercado Municipal de Quiroga Ballesteros serán escenario desde este xoves, 5 de novembro, da campaña 'O Mercado sabe a Outono', unha iniciativa promovida polo Concello de Lugo para fomentar as compras no comercio local e dinamizar estes dous espazos comerciais. A actividade prolongarase tamén os días 6, 7, 9 e 10 de novembro, en horario de mañá, e ofrecerá castañas asadas de balde ás persoas que realicen as súas compras nestes recintos.

A mecánica da campaña consiste en presentar os tíckets das compras realizadas na Praza de Abastos ou no Mercado de Quiroga Ballesteros para recibir como agasallo un cornete de castañas asadas. Para iso, instalarase un posto entre ambos os recintos durante as cinco xornadas nas que se desenvolverá a iniciativa.

A campaña foi presentada este martes polo delegado territorial da Xunta, Alfonso Villares, e a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, acompañados por outros representantes municipais. Villares destacou que esta acción se enmarca nas iniciativas que se están a impulsar na provincia para apoiar o comercio local, un sector que contribúe á economía lucense, dinamiza os centros das cidades e vilas e favorece o consumo de produtos de proximidade.

0.1565990447998