A Candeloria despídese en Lugo coa súa última edición, “O Último Berro”

LugoXa
O festival, que marcou unha etapa de doce anos de música e amizade, celebrará o seu derradeiro concerto o 11 de abril de 2026 no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo
A-Candeloria
8 Sep 2025

O festival A Candeloria pon fin a unha traxectoria de doce anos converténdose nun referente da música alternativa en Galicia. O 11 de abril de 2026 será a data do seu derradeiro encontro, bautizado como O Último Berro, que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo.

O avance de cartel inclúe nomes destacados como Dakidarría, NoKonforme, Boikot, Juantxo Skalari & La Rude Band, Me Fritos and The Gimme Cheetos e Jordi Pánico. A organización adianta que haberá “moito máis por confirmar” para facer desta despedida unha noite inesquecible.

Nun comunicado, o equipo organizador explica que, despois de numerosas edicións exitosas, decidiron pechar o ciclo no seu máximo esplendor. O festival, nacido en 2013 da man de tres persoas de Lugo e arredores, foi medrando ata consolidarse como unha cita obrigada do inverno musical galego.

“O Último Berro” non será un adeus triste, senón unha celebración chea de alegría polos logros acadados: novos amigos, momentos inesquecibles e a satisfacción de superar dificultades sempre con traballo e humildade. A organización amosa o seu agradecemento a todo o público fiel, ás bandas, ás institucións e ás empresas que fixeron posible a aventura.

O 11 de abril está chamada a ser a noite máis especial da historia do festival. Un derradeiro berro de lume, música e emoción co que A Candeloria baixará o pano deixando unha pegada imborrable en Lugo e no corazón dos seus seguidores.

⚙ Configurar cookies
0.093837022781372