A Capela de Santa María acolleu as últimas demostracións dos Días Europeos da Artesanía en Lugo

A Capela de Santa María de Lugo foi escenario das últimas demostracións participativas organizadas pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo no marco dos Días Europeos da Artesanía, pechando así unha programación que apostou pola divulgación do traballo artesanal entre a cidadanía.
Desde o pasado xoves, ducias de persoas achegáronse a estas actividades, nas que tiveron a oportunidade de coñecer de primeira man e mesmo probar distintas técnicas e materiais empregados por profesionais da artesanía, especialmente nos ámbitos da cerámica, o coiro e o tear. A proposta buscou fomentar o contacto directo co oficio e poñer en valor o saber facer tradicional.
As sesións contaron coa participación de artesás como Mercedes Buján, de “Bolboretas de coiro”; Inmaculada Díaz Cabado, de “La bellota mágica”; Lourdes Otero Mato, de “Fusaiola”; María Josefa Sánchez Castedo, de “Ceniza de papel”; e Sonia Argiz, de “Mimacuir”, quen compartiron co público os segredos das súas técnicas e procesos creativos.
As actividades desenvolvéronse en horario de mañá, de 11.00 a 14.00 horas, e de tarde, de 17.30 a 19.30 horas, con acceso libre e gratuíto, facilitando así a participación de persoas de todas as idades interesadas en achegarse ao mundo da artesanía.