A Capela de Santa María de Lugo amosa a realidade da India a través da fotografía

A Capela de Santa María de Lugo inaugurou a exposición fotográfica "India desde dentro", unha mostra organizada pola ONG Escola Shantidi que permite coñecer a realidade do país asiático a través da mirada de persoas implicadas en proxectos de cooperación.
As fotografías foron realizadas por voluntarios e colaboradores da organización, na súa maioría lucenses, durante as viaxes que levaron a cabo nos últimos anos para participar en diferentes iniciativas relacionadas coa hixiene, a nutrición e a escolarización.
A exposición busca achegar á cidadanía as condicións de vida da poboación india e dar a coñecer o traballo que desenvolve a entidade sobre o terreo a través das súas accións de cooperación.
A mostra permanecerá aberta ao público na Capela de Santa María ata o 1 de novembro. Poderá visitarse de luns a venres, así como os sábados, domingos e festivos, en horario de 11.30 a 14.00 horas e de 17.00 a 19.30 horas.