A Carreira Popular Lugo Monumental encara a súa XXII edición cun milleiro de persoas inscritas

LugoXa
A cita deportiva do 21 de decembro adianta de maneira excepcional a saída absoluta ás 10:30 e mantén o trazado tradicional coa pasada polo adarve da Muralla
Carreira-Popular-Lugo-Monumental
6 Dec 2025

A XXII edición da Carreira Popular Lugo Monumental celebrarase o domingo 21 de decembro, mantendo o percorrido xa habitual de 10 quilómetros con saída e chegada na Avenida Ramón Ferreiro, á altura da Praza Horta do Seminario.

O evento, impulsado polo Concello de Lugo e patrocinado por CaixaBank, encara os derradeiros días de inscrición —abertas ata o domingo 14— e rolda xa o milleiro de participantes, unha cifra que continúa medrando conforme se achega o peche do prazo.

O concelleiro de Deportes, Jorge Bustos, salientou que “a Lugo Monumental é unha carreira singular, que mestura actividade física, convivencia cidadá e a valorización do noso patrimonio histórico”. Engadiu ademais que “chegar ás 22 edicións amosa o enorme peso desta cita no calendario e o compromiso municipal por fortalecer un evento que mobiliza a milleiros de persoas e dinamiza a cidade cada decembro”.

Bustos explicou tamén que este ano se adianta de forma excepcional a saída da proba absoluta ás 10:30 horas, tras as primeiras reunións de coordinación coa Policía Local. “Era preciso adiantar o horario para reducir afeccións e garantir a seguridade tanto dos corredores como das persoas que acudan ao partido do Río Breogán”, indicou. Pola súa banda, as categorías de menores conservarán o horario de sempre, comezando ás 10:00.

Percorrido consolidado e atractivo do adarve

O trazado repítese sen cambios respecto ás edicións precedentes, un circuíto xa asentado pola súa funcionalidade e pola boa resposta da comunidade deportiva. A primeira volta discorrerá polo perímetro exterior da Muralla, mentres que a segunda incorporará o paso polo adarve, un dos elementos máis emblemáticos da proba. “O tramo polo adarve é dos máis apreciados polos atletas, especialmente por aqueles que nos visitan; dálle personalidade á carreira e convértea nunha experiencia única”, subliñou o edil.

Co ritmo actual de inscricións, calcúlase que a carreira absoluta poida achegarse ao límite de 1.300 prazas fixado pola organización, mentres que nas categorías de menores —de participación gratuíta— non se prevé superar os 600 inscritos. “Esta resposta volve situar á Lugo Monumental entre as carreiras con maior participación en Galicia”, valorou Bustos.

A recollida de dorsais terá lugar en Ndorfina Sports (Campo Castelo) os días xoves 18, venres 19 e sábado 20 para corredores residentes en Lugo, reservándose un horario reducido na mañá do domingo 21 para participantes chegados doutras localidades. “O noso obxectivo é facilitar ao máximo a participación de quen se despraza ata Lugo para gozar desta proba”, apuntou o concelleiro.

En relación ao tráfico, o sábado 20 cortarase desde as 12:00 horas o tramo da Avenida Ramón Ferreiro próximo á Horta do Seminario para iniciar o montaxe da zona de saída e meta. O domingo 21, a partir das 09:30 horas, activarase o peche do circuíto, afectando a Ramón Ferreiro, Rodríguez Mourelo, Rúa Vilalba, Ángel López Pérez, Ronda da Muralla —con espazo de convivencia e desvíos controlados—, Puro Cora —onde se manterá un carril para vehículos mediante conos— e diversas rúas peonís do centro histórico. “A seguridade é prioritaria e o dispositivo deseñado xunto coa Policía Local garante un desenvolvemento normal da carreira e unha mobilidade fluída para a cidadanía”, incidiu Bustos.

A organización entregará medallas a todos os menores ao chegaren á meta. A entrega de premios finais realizarase na Praza Horta do Seminario, onde se recoñecerán os tres primeiros clasificados de cada categoría —desde nados en 2018 ata Máster H—, así como os tres mellores na clasificación absoluta, que recibirán trofeo, medalla e un lote de produtos Torre de Nuñez. A empresa tamén sorteará agasallos entre quen finalicen nos postos 500, 700, 1000 e 1200.

⚙ Configurar cookies
0.10322093963623