A Casa Consistorial de Lugo ilumínase de cor vermella polo Día Mundial da Insuficiencia Cardíaca

LugoXa
A iluminación estará en funcionamento ata mañá día 9, precisamente a xornada na que se amosa a loita contra a insuficiencia cardíaca
Día-Mundial-da-Insuficiencia-Cardíaca-Concello-de-Lugo
8 May 2025

A Casa Consistorial do Concello de Lugo iluminouse de cor vermella polo Día Mundial da Insuficiencia Cardíaca e os presidentes dos colexios de Médicos e Enfermería, Eduardo Iglesias e Eva Gómez, respectivamente, xunto ao xefe do servizo de Cardioloxía do Hula, Carlos González Juanatey; o secretario do Colexio Médico, Juan José López, así como concelleiros lugueses estiveron presentes no acto de acendido.

Todos xuntos quixeron simbolizar co acendido das luces de cor vermella a unión de todos, profesionais sanitarios e institución local por unha mesma causa, respondendo así á petición realizada polo Servicio de Cardioloxía do HULA.

A iluminación estará en funcionamento ata mañá día 9, precisamente a xornada na que se amosa a loita contra a insuficiencia cardíaca, e que este ano ten como lema 'No dejes que se apague', tal e como traslada a Sociedad Española de Cardiología, na campaña realizada xunto a outras asociacións e fundacións que traballan na concienciación sobre esta grave enfermidade.

Tanto Miguel Fernández como López Racamonde lembraron que na cidade hai 67 desfibriladores, que fan de Lugo a cidade máis cardioprotexida do noroeste peninsular, ao triplicar o cociente español destes soportes vitais. Un total de 11 se atopan en espacios públicos ao aire libre como prazas e rúas; outros dez DESA portátiles son os que levan os operativos de Bombeiros e Policía Local nas súas saídas, mentres que o resto están instalados en centros sociais da cidade e parroquias rurais, dependencias deportivas municipais, centros culturais e outro tipo de edificios públicos.

Para potenciar o uso destes soportes vitais, cuxa boa utilización supón a posibilidade de salvar unha vida ante unha situación de emerxencia, a area de Cohesión Social do Concello de Lugo está a preparar unxa xornada de RCP básica na rúa, sobre o manexo dos DESAS para a poboación en xeral, na que se contará coa colaboración de voluntarios e voluntarias dos colexios profesionais de Médicos e Enfermería, e que se desenvolverá a finais do mes de maio.

A idea é, tal e como sinalaron Miguel Fernández e Olga López Racamonde, “impartir nocións da técnica de Reanimación Cardiopulmonar para difundir e dar a coñecer este tipo de primeiros auxilios e normalizar o emprego dos desfibriladores como dispositivos que salvan vidas”, explicaron. Ademais, con esta iniciativa, o Concello seguirá dando pasos para consolidarse como cidade cardiosaudable.

Por último, e aproveitando a conmemoración do Día da Insuficiencia Cardíaca, a edil de Cohesión Social fixo un novo chamamento ao civismo e insistiu en que “é necesario coidar estes 67 soportes vitais e esixir á xente que respecte estes bens públicos non só polo custo económico, senón porque poden axudar a salvar unha vida, que é o máis importante”.

Neste sentido, Olga Racamonde lembrou que os últimos datos coñecidos apuntan a que “unha de cada tres persoas que sofren un infarto falece antes de chegar ao hospital; de aí a necesidade de coidar e fomentar o uso destes soportes vitais”.

⚙ Configurar cookies
0.17762303352356