A Casa das Insuas organiza unha xornada para descubrir as libélulas da Terra Chá na Reserva da Biosfera Terras do Miño

A Casa das Insuas organizará o sábado 1 de agosto unha actividade de observación de libélulas na Reserva da Biosfera Terras do Miño, cun itinerario guiado polos ríos e lagoas da contorna deste espazo natural. A xornada desenvolverase entre as 10.30 e as 14.00 horas e permitirá ás persoas participantes coñecer algunhas das especies presentes na zona e visitar diferentes puntos de interese ambiental.
A proposta, titulada Libélulas da Terra Chá, busca achegar aos asistentes ao patrimonio natural da contorna mediante unha experiencia de divulgación e observación directa da fauna ligada aos ecosistemas acuáticos.
A organización lembra que as prazas son limitadas, polo que é necesario realizar inscrición previa a través da páxina web de Custodia do Territorio. Ademais, as persoas interesadas poden solicitar máis información a través do correo electrónico casadasinsuas@gmail.com ou do teléfono e WhatsApp 630 94 82 93.
Esta actividade enmárcase no acordo de custodia do territorio impulsado pola Asociación Galega de Custodia do Territorio (AGCT) e a Deputación de Lugo para favorecer a conservación, a investigación e a divulgación dos valores naturais das Insuas do Miño e dos Ollos de Begonte, situados na Reserva da Biosfera Terras do Miño.