A casa de Manuel María acolle este sábado unha obra de teatro na honra a Rosalía de Castro

TerraChaXa | LugoXa
Con motivo do Día de Rosalía e a Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, 18 de febreiro, ás 20 horas, Libre coma os paxaros.
LIBRE COMO OS PAXAROS ROSALIA PORTADA
16 Feb 2023

O próximo 23 de febreiro conmemórase o Día de Rosalía e a Casa-Museo Manuel María programa para este sábado, 18 de febreiro, ás 20 horas, Libre coma os paxaros, unha peza teatral, que achegan Xúlio Lago e María Barcala (Teatro do Atlántico), que fai un percurso polo pensamento de Rosalía de Castro e que mostra a vixencia e efectividade comunicativa da poesía da nosa escritora nacional.

Con case cincuenta representacións por cidades e vilas de Galiza, Libre coma os paxaros está protagonizada por María Barcala, unha das nosas máis salientábeis actrices, que interpreta a figura de Rosalía, con textos da poeta e sobre a poeta, e cuxo fío argumental pode verse neste enlace.

Unha muller toma a palabra e proclámase posuidora da súa liberdade. Declara, desafiante, non someterse ás regras da arte no exercicio da súa actividade creativa, nin acatar mandatos dos seus iguais.

Declara o seu amor pola literatura, a poesía e a lingua do seu país; o seu respecto e admiración polas escravizadas mulleres do seu pobo; e expresa a súa solidariedade e a súa dor polas miserábeis condicións de vida que aquelas teñen que soportar.

Denuncia o espolio do patrimonio forestal, a traxedia da emigración á que se ven obrigados centos de miles de compatriotas para poder sobrevivir, eles e as súas familias, á fame e á miseria. E clama contra o silencio que todo o envolve.

As persoas interesadas en asistir a este espectáculo deberán reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

TEATRO DO ATLÁNTICO

Muller.
Filla de nai solteira. E de pai cura. Escritora. E poeta. Galega de pensamento libre. Libre coma os paxaros.
Chámase María Rosalía Rita de Castro.

Teatro do Atlántico constituíse en 1985 por María Barcala e Xúlio Lago, con máis de trinta e cinco producións, entre as que salientan Casa de bonecas, de Ibsen, A noite das Tríbades de Olov Enquist, Amor de don Perlimplin con Belisa no xardín, de García Lorca, O cerco de Leningrado, de Sanchís Sinisterra, O encoro, de Conor McPherson, A raíña da beleza de Leenane, de Martin McDonagh, Unha primavera para Aldara, de Teresa Moure ou Memoria de Helena e María, de Roberto Salgueiro.

As súas producións teñen realizado xiras por toda a península e participado en numerosos festivais nacionais e internacionais, presentando os seus espectáculos sempre en lingua galega.

María Barcala, Casilda García, Susana Dans, María Bouzas e Gonzalo M. Uriarte recibiron premios de interpretación en papel Protagonista por traballos realizados en producións de Teatro do Atlántico, compañía tamén premiada varias veces nos apartados de Dirección e Iluminación (Xúlio Lago), Escenografía (Antonio F. Simón e Carlos Alonso), Actor Secundario (Toño Casais) ou Mellor Espectáculo (A noite das Tríbades, O encoro, A raíña da beleza de Leenane, Unha primavera para Aldara).

O principio de Arquímides recibiu en 2016 os Premios María Casares ao Mellor Espectáculo, Mellor Dirección, Mellor Interpretación Masculina Protagonista, Mellor Interpretación Masculina en papel secundario e Mellor Adaptación. Tamén en 2016, Teatro do Atlántico recibiu o Premio da Crítica de Galiza no apartado de Artes Escénicas.

LIBRE COMO OS PAXAROS ROSALIA
0.19693899154663