A Casa Quindós de Vilela, en Navia de Suarna, acollerá un curso sobre cogomelos

LugoXa
Agacal ten previsto celebrar varios cursos sobre micoloxía e produción de cogomelos nos vindeiros días.
setas cogomelos silvestres
24 Out 2021

Agacal ten previsto celebrar varios cursos sobre micoloxía e produción de cogomelos nos vindeiros días. En concreto, o venres 29 se prevé un sobre produción de cogomelos en troncos de madeira de castiñeiro e de carballo na Casa Quindós de Vilela, en Navia de Suarna. 

Tratará sobre a produción de cogomelos en troncos, será impartida polo Centro de Formación e Experimentación Agroforestal (CFEA) de Guísamo e constará de 20 horas lectivas repartidas en tres xornadas. Persegue dar a coñecer esta posibilidade produtiva compatible coa explotación da madeira e co aproveitamento da castaña, dado o pouco investimento inicial preciso para introducirse no mercado dos cogomelos. Así, no programa contémplanse contidos sobre as distintas especies de cogomelos que se cultivan en troncos, así como sobre a produción, a colleita e a postcolleita, entre outras cuestións. O curso inclúe un taller de inoculación de shiitake e outro de inoculación de cogomelo ostra.  

Todos estes cursos están dirixidos en xeral a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como mozos e mozas do medio rural galego e persoas con expectativas de incorporación ao sector. 

A Agacal, a través da formación non regrada e dentro do Plan de formación continua 2021, pretende contribuír á consecución do aumento da competitividade do sector agrícola e forestal tanto a nivel técnico como económico mediante a oferta de cursos coma estes. 

Cómpre lembrar que a Consellería do Medio Rural conta cun plan de accións formativas e de transferencia para este ano 2021 que pode consultarse no seguinte enlace: https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/accions-formativas. Precisamente nesta páxina poden atoparse os referidos cursos e descargar as solicitudes de asistencia correspondentes. No curso de Navia de Suarna, o correo de referencia é cfea.guisamo@edu.xunta.es  e o teléfono o 881 818 043.

0.093660116195679