A Cátedra Juana de Vega da USC organiza 'Arredor do rural. Aprendizaxes dende as voces das mulleres'

LugoXa
Este evento xorde da colaboración entre a Cátedra Juana de Vega e o colectivo interdisciplinario Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural
EPSE-Campus-Terra
27 Nov 2024

A Cátedra Juana de Vega da USC organiza no Campus Terra de Lugo, o vindeiro 5 de decembro, unha xornada para fomentar a colaboración entre a Universidade e as iniciativas para a sustentabilidade e a xustiza no medio rural galego.

Baixo o título 'Arredor do rural. Aprendizaxes dende as voces das mulleres' levaranse a cabo actividades focalizadas no recoñecemento do labor pola innovación social no rural feita polo emprendemento das mulleres que o habitan, e pensada para promover a creación de sinerxías e a colaboración con profesorado e estudantado universitario.

Este evento xorde da colaboración entre a Cátedra Juana de Vega, destinada ao estudo de iniciativas e procesos de modernización do sector primario de Galicia e a reflexionar sobre o papel xogado neles polas mulleres, e o colectivo interdisciplinario Comunidade de Accións e Saberes Arredor do Rural, formado por persoal universitario, estudantado e profesionais e activistas do medio rural, que levan tempo promovendo a colaboración entre academia e medio rural a través de prácticas docentes e de investigación que derruben os muros entre contextos e asenten territorios para o coñecemento.

A xornada comezará na Escola Politécnica Superior de Enxeñería (EPSE) da USC, ás 10.30 horas, coas palestras das profesoras Mar Pérez Fra (departamento de Economía Aplicada) sobre 'Mulleres e espazos rurais en Galicia: desafíos e conquistas', e Elena Freire Paz (departamento de Filosofía e Antropoloxía) sobre as 'Facedoras de marca. Mulleres rurais na Galicia do século XXI'. A seguir, haberá unha sesión de microconversatorios entre os proxectos asistentes, dando espazo para o coñecemento mutuo e o fervedoiro de ideas. A cooperativa A Carqueixa dos Ancares proporcionará o xantar na Facultade de Humanidades, de maneira que poida continuar a conversa informal.

Xa en quenda de tarde, haberá unha feira na que diferentes organizacións amosarán o seu traballo a partir das 15.30 horas, para logo deixar paso ao faladoiro entre experiencias de emprendemento socioeducativo, no que participarán as Cooperativas Arabías e Amarelante, a Asociación Darredor, o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas e a Asociación de Productoras Eo Alimenta. O faladoiro será gravado en formato podcast para ampliar o seu alcance. Rematarase o encontro ás 19.00 horas coa elaboración das conclusións comúns. Ademais, Xuvenlab, spin-off da USC, organizará talleres científicos para a cativada durante a sesión de tarde para posibilitar a conciliación das participantes e asistentes.

0.16910481452942